Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un monumento xeolóxico único

A Xunta declara paisaxe protexida os penedos de Pasarela e Traba

Están situados na Costa da Morte, entre os concellos de Vimianzo e Laxe. Os veciños e varias asociacións levan anos querendo protexelos das canteiras.

Redacción - 18:45 11/12/2008
Os veciños e varias asociacións culturais e ecoloxistas levan anos loitando por protexer os Penedos

Os veciños e varias asociacións culturais e ecoloxistas levan anos loitando por protexer os Penedos

O Consello da Xunta aprobou, esta quinta feira, a declaración como paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, situados nos concellos de Vimianzo e Laxe, na Costa da Morte. A finalidade desta declaración é protexer a singularidade natural dos penedos de granito, ademais da súa singularidade estética e o seu valor científico. Este feito tamén implica a posta en marcha de accións encamiñadas a rexenerar o espazo, reforestalo con especies autóctonas e propiciar iniciativas de posta en valor deste lugar, dende un punto de vista sustentábel.

Esta é a segunda aprobación dun espazo natural como paisaxe protexida, tras a declaración, o pasado 13 de novembro, do Val do Río Navea, situado nos municipios de San Xoán de Río e A Pobra de Trives.

Unha formación única do mundo
O macizo da Pasarela e Traba está formado por un conxunto de elevacións graníticas esparexidas por unha superficie de 212 hectáreas. A combinación e encadeamento destas formas xeran un espazo singular; unha paisaxe que ten tamén un enorme valor científico, xa que permite coñecer cal foi a evolución xeolóxica da zona. Hai máis dunha década que os veciños e varias asociacións (Seminario de Estudos Comarcais, Adiante Soneira, Axvalso, Instituto de Estudos Bergantiñáns, Adega, Activismo Costa da Morte, Senda Nova, Corredoira, O Facho, Lumieira, Monte Branco, El Ceibo, Grupo Naturalista Hábitat, Quinta Feira, Alexandre Bóveda, Sociedade de Historia Natural e Plataforma para a Defensa de Redes) loitan pola protección e conservación desta parte única do noso patrimonio, que máis dunha vez se viu ameazada pola posibilidade de que se construísen varias canteiras a carón dela, co visto e prace do alcalde de Vimianzo, Alexandre Rodríguez (PSdeG). Na paraxe da Gándara da Barca, situada nesta zona, aínda se pode apreciar a pegada da destrución producida no ano 1998 por unha extracción ilegal de granito, desenvolvida por unha empresa que só tiña autorización para facer unhas prospeccións.

Os Penedos xa foran declarados Monumento Natural polos tres grupos con representación no Parlamento, e sobre eles teñen escrito varias liñas autores coma Otero Pedrayo, Eduardo Pondal e Manuel Rivas.

Agora, a zona queda en mans da Consellaría de Medio Ambiente, que xestionará a súa conservación e preservación. A partir de agora, calquera entidade que promova un proxecto de obras ou infraestruturas na zona, deberá presentar na avaliación de impacto ambiental, un estudo de impacto e integración paisaxística. Medio Ambiente vai elaborar, ademais, un plan de acción específico para os Penedos.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: