O tiroteo produciuse horas despois de se coñecer a esmagadora vitoria do PAIGC nas eleccións lexislativas.
Un tiroteo deixou polo menos unha persoa morta no exterior da residencia presidencial da Guiné-Bissau, apenas horas depois de que se coñecesen os resultados electorais. O presidente João Bernardo Vieira avisou por teléfono o seu homólogo senegalés, Abdoulaye Wade, de que varios soldados estaban a disparar diante da súa casa no que parecía ser un motín.
Segundo informa Público, a situación estaba aparentemente controlada ao inicio da mañá, e foron prendidos varios dos militares que participaron no asalto. O ministro do Interior guineano informou de que unha das persoas que dispararon na residencia presidencial morreu, mentres que varios gardas resultaron feridos.
O anterior partido único gañou os comicios parlamentarios por unha ampla marxe. A Comisión Electoral Nacional informou de que o Partido Africano da Independência da Guiné e Cabo Verde (PAIGC) obtivera 67 dos 100 escanos da Asemblea Nacional.
A Unión Africana advertiu contra "calquera intento de tomar o poder pola forza" nun país cunha historia recente de golpes de estado. A formación aliada co presidente, o PRID, só conseguiu tres asentos nunhas eleccións que tiveron lugar a fin de semana pasada.
O segundo lugar foi para o PRS, de Kumba Ialá, que acadou 28 asentos. Ialá, ex-presidente da Guiné-Bissau, anunciou que nunca aceptaría "resultados amañados".