Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DA CONFEDERACIÓN SINDICAL INTERNACIONAL

América Latina é a zona do mundo máis perigosa para os sindicalistas

O estudo, que examina os dereitos dos traballadores de 138 países, revela que Colombia segue a ser o país no que máis crimes se cometeron.

Redacción - 12:10 21/11/2008

América Latina é a zona máis perigosa para desenvolver actividades sindicais, con asasinatos, secuestros, ameazas de morte e reiteradas agresións. Así o revela a última edición do informe anual da Confederación Sindical Internacional (CSI) sobre as Violacións dos Dereitos Sindicais. En todo o mundo, un total de 91 sindicalistas foron asasinados por defenderen os dereitos dos traballadores e, unha vez máis, Colombia levou a peor parte: naquel país perderon a vida 39 persoas. Séguelle Guínea, onde o réxime do presidente Lansana Conte foi responsábel da morte de 30 sindicalistas durante a brutal represión das manifestacións organizadas polos sindicatos para protestar contra a corrupción e as violacións dos dereitos fundamentais. Asemade, o informe fala dun preocupante aumento da violencia en Guatemala, con catro asasinados no medio dun clima de ameazas e de acoso que continúa a deteriorarse.

Con todo, os lamentábeis datos non rematan aí: rexistráronse graves e sistemáticos casos de acoso e intimidación en 63 países. Un total de 73 sindicalistas foron parar á cadea (40 deles en Irán e outros 14 en Marrocos) e a violencia policial contra manifestacións de traballadores deixou un número importante de feridos en Arxentina, Brasil, Chile, O Salvador, México, Panamá ou Perú.

Menos mortos
Malia a gravidade desta estatística, o informe rexistra unha apreciábel redución das vítimas, xa que en 2006 foran asasinados 144 sindicalistas no mundo (78 deles en Colombia). Lonxe de ser optimista, o documento láiase de que aínda que se contabilizaron menos mortos, constatouse un aumento de intentos de asasinato, ameazas e detencións arbitrarias. Así, fálase de violencia "estrutural contra o movemento sindical" en Guatemala ou de cooperación entre goberno e empresarios para obstaculizar a negociación colectiva en países como Costa Rica, O Salvador ou Perú.

O CSI agrupa a 311 centrais sindicais nacionais de 155 países e representan a 168 millóns de membros. Podes ver o informe completo aquí: Informe Anual sobre Violacións dos Dereitos Sindicais.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: