A organización defende a inclusión dunha materia sobre sexualidade nas escolas, a redución da censura ou a legalización do matrimonio homosexual.
Tomámonos o sexo en serio. Este é o lema do novo partido político que veu nacer Australia, o Partido polo Sexo (Australian Sex Party). "As enquisas indican que a censura e as actitudes da sociedade cara a sexualidade son máis abertas ca nunca, porén en política ocorre o contrario", explica a líder do partido, Fiona Patten, directora executiva da Asociación Eros, que representa á industria sexual australiana.
A organización conta xa con medio millar de afiliados, logo de que se presentase oficialmente en Melbourne. No seu programa contempla a inclusión dunha materia sobre sexo nas escolas, a redución da censura e a legalización do matrimonio homosexual. Ademais, tentará que o goberno de marcha atrás no seu intento de crear un filtro cibernético que bloquee o acceso dos internautas a case 10 mil páxinas web de contido sexual. Segundo Patten, esta medida pode causar a perda duns 16 mil postos de traballo no sector e mesmo impedirá a entrada no portal do propio partido, xa que contén a palabra "sexo".
Expectativas para o futuro
A formación ten previsto presentar candidatos ao Senado e aos parlamentos dos estados que forman Australia. Mais non é a única organización de ideais diferenciados e de recente creación que se presentará aos vindeiros comicios electorais. Xa o dicía Daniel Bell alá nos 60: o fin das ideoloxías está próximo e as esquerdas e as dereitas, o liberalismo e o proteccionismo están a deixar paso a outras inquedanzas sociais. Na vindeira cita coas urnas concorrerán outros partidos non menos singulares como "Menos Impostos sobre a Cervexa e a Gasolina", "Eliminación da Prohibición da Marihuana", "Partido dos Pescadores", "Servizo Político de Operadores de Taxis" ou "Partido da Esperanza".