Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O máis ampla remodelación dende 2003

A UE chega a un acordo e recorta as axudas na súa reforma agrícola

As axudas directas redúcense un 10%, e prevese a extinción das cotas lácteas en 2015 . Acordouse desviar parte dos antigos subsídios para plans de preservación do campo.

Redacción - 19:30 20/11/2008
A ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa

A ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa

Os ministros de agricultura da Unión Europea acordaron, esta quinta feira, desviar parte dos antigos subsidios, dos que gozaban até o de agora as grandes explotacións, a plans de conservación do campo, na que é a meirande remodelación da Política Agraria (PAC) europea do último lustro.

O acordo, ao que chegaron de madrugada, produciuse tras realizar a comisaria de agricultura, Mariann Fischer Boel, unha serie de concesións, principalmente a Francia, Alemaña e Italia. "Estou contenta porque conseguimos chegar a un acordo sen cambiar os instrumentos básicos da proposta orixinal", sinalou Fischer Boel terminada a xuntanza.

O Ministerio de Agricultura español tamén considerou satisfactorio o acordo acadado sobre, e cifrou a axuda aos agricultores do Estado en 5.100 millóns de euros. A ministra española do Medioambiente e do Medio Rural, Elena Espinosa, dixo que a reforma recolle "a maior parte" das súas demandas, entre elas permitir a utilización de 200 millones ao ano -dos orzamentos que fiquen sen gastar- para apoiar determinadas actividades agrarias. Porén, hai un lado negativo para Espinosa, que a nova PAC recorta en 163 millones as subvencións aos agricultores do Estado Español - un 23%-, cifra que é, en calquera caso, menor do previsto.

Baixan os subsidios un 10%
As revisións da PAC comezarán o ano que vén, e hanse prolongar deica 2013. Con este novo plan, as explotacións que teñen unha cota máxima de 5.000 euros para subsidios anuais, transferirán un 5% das axudas recibidas a plans de desenvolvemento rural para o ano 2012 (até o de agora entregaban xa un 5%). Ademais, no canto de tres cotas de ingresos para os agricultores que reciban axudas, dende agora vai haber unha soa, de 300 mil euros e máis, dos que o 4% irá destinado, tamén, a subvencionar proxectos rurais para 2012. O resultado disto: os grandes terratenentes serán os que máis vexan recortados os seus subsidios.

Esta medida afecta a un 23% dos agricultores do Estado, e ha supoñer uns 163 millóns de euros respecto aos 5.100 millones que se obteñen en axudas directas, co que, segundo Espinosa, "esta medida non vai ter un impacto real na renda do sector".

A ministra tamén explicou que as rebaixas adicionais de axudas para os que reciben máis de 300 mil euros afectarán ao 0,02% do total de 897.170 produtores que no Estado reciben cartos de Bruxelas.

Moi poucas concesións ao sector lácteo
En canto ao sector lácteo, debullábase como un dos principais obstáculos para chegar a un acordo, porque había que discutir, máis unha vez, como liberalizalo, antes de que o sistema de cotas expire, en 2015. Despois de horas de xuntanza, algúns dos principais produtores conseguiron obter vantaxes no acordo final, coma por exemplo Alemaña, que pedía poder gastar parte da partida destinada ao desenvolvemento rural nun plan de apoio ao sector lácteo.
Porén, antes de que se libere completamente o mercado, en 2015, as cotas lácteas vanse ir incrementando un 1% cada ano, dende o mes de xaneiro que vén.

A meirande remodelación da política agraria dende 2003
Pese ás mudanzas de última hora, a que se acordou esta quinta feira é a reforma agraria máis significativa de Europa dende o 2003, ano no que foi introducido o concepto de "desacoplamento" (romper o vínculo entre a catidade producida polos agricultores e a cifra recibida en axudas, un sistema moi criticado por distorsionar o comercio e animar a sobreprodución). Agora, avánzase cara este "desacoplamento", que se aplicará en toda a PAC, a non ser nalgúns supostos no sector gandeiro.


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: