Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Cara o uso da "intelixencia colectiva"

As bibliotecas universitarias mergúllanse na web 2.0

Preséntase en Compostela un documento para integrar as redes sociais nas salas de lectura e aumentar a participación dos seus usuarios.

Redacción - 13:30 20/11/2008

Este xoves arrancan as xornadas Web 2.0 e Bibliotecas en Bugalicia, que organiza o Consorcio de Bibliotecas Universitarias. Amosaranse as aplicacións e recursos da web 2.0 e a súa aplicación ás bibliotecas e á comunidade universitaria. Será posíbel, deste xeito, renovar os servizos favorecendo a participación dos usuarios.

As xornadas, que se desenvolven na Facultade de Ciencias Políticas da USC, farán uso de ferramentas que xa están a empregar bibliotecas universitarias estadounidenses, e que inclúen blogs, a Wikipedia, Flickr, Meebo ou Delicious, tal e como figura no programa de estudos.

O obxectivo é que toda a comunidade universitaria se valla dun servizo bibliotecario que promove a participación activa dos usuarios. Serán creadores de contidos, propoñerán recomendacións e contribuirán ao deseño dunha bibliografía compartida, o que favorece que os usuarios teñan parte do control e aproveiten a intelixencia colectiva.

O Proxecto de estudo da web 2.0 para Bugalicia instruirá o persoal bibliotecario das tres universidades no coñecemento e uso das redes sociais e a posibilidade de crear perfís públicos ou semi-públicos dentro das plataformas en liña que existen na internet. Servizos como Facebook, MySpace, Orkut ou Friendster ou outros de perfil máis profesional, como LinkedIn ou Xing serán obxecto das xornadas no que se refire ás redes sociais.

Tamén se iniciará nos servizos de blogs e microblogs e as súas variantes multimedia, así como na filosofía de creación colectiva de contidos das wikis. Outro dos elementos constitutivos da web 2.0 dos que se falará son a clasificación en etiquetas ou tags, dos que tamén fan uso os marcadores sociais, como Delicious.

O aloxamento de imaxes e vídeos, a través de Flickr ou YouTube tamén terán o seu uso por parte das bibliotecas universitarias, así como o chat e a mensaxaría instantánea. O estudo complétase coa presenza das salas de lectura en redes sociais de lugares favoritos, xunto a restaurantes, museos ou locais de moda.

O documento Proxecto de estudo da web 2.0 para Bugalicia está accesíbel a través doutra ferramenta da web 2.0, ISSUU, onde se penduran documentos en formato pdf. O seu enderezo é http://issuu.com/bugalicia/docs/biblioteca20


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: