Hai perto dun cento de referencias constatadas sobre a súa utilización nos montes do país, segundo datos de Medio Ambiente.
O uso de velenos afecta a todas as especies
O fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Carlos Varela, abriu o pasado 30 de outubro dilixencias de investigación penal para a elaboración dun estudo sobre a transcendencia da utilización de cebos envelenados no noso país.
De constituír un delito contra o medio, afirman dende a Fiscalía, procederíase á súa persecución individualizada. O caso está a ser xestionado a través do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil, o Seprona.
O uso de cebos ou velenos, informa o ministerio público, supón "unha eliminación indiscriminada e non selectiva sobre a fauna en xeral" pois afecta a especies predadoras de todo tipo, algunhas en perigo de extinción ou incluídas en catálogos de especies ameazadas, ou animais domésticos como cans.
"É unha práctica cruel cos animais que conduce a unha morte prolongada e dolorosa por sufocación e parálise muscular. Ademais, ao entrar na cadea alimenticia, non só ten repercusión nos animais, senón que pode chegar a afectar ao consumo humano. O uso de cebos envelenados altera tamén o equilibrio dos sistemas naturais", advirte.
Posíbel tráfico ilícito de substancias prohibidas
A partir dos datos manexados pola Consellaría de Medio Ambiente coñécense perto dun cento de referencias sobre a utilización de velenos. En case o 90% dos casos a substancia empregada é a estricnina.
Outro tipo de produtos son os barbitúricos, os organofosforados, os rodenticidas ou os carbamatos. A restrición ou prohibición dalgúns destes compostos implica a existencia dun tráfico ilícito ou da existencia de depósitos antigos cando o seu uso estaba permitido.