Popularmente coñecido como 'Jango', gobernou con políticas sociais até o golpe militar de 1964. En 1976, asasinárono na Arxentina, onde vivía exiliado.
'Jango', en 1962
O Ministério da Justiça do Brasil concedeulle a amnistía póstuma ao ex presidente do país João Goulart, popularmente coñecido como Jango, e á súa viúva Maria Tereza Goulart, 32 anos despois de que forzas represoras brasileiras e uruguaias o asasinaran no exilio da Arxentina, e 44 logo do golpe militar que o derrocou.
É a primeira vez que un mandatario brasileiro é amnistiado por persecución política. Luiz Inácio Lula da Silva recibiu o beneficio en 1994, cando aínda non era presidente, polos 30 días que en 1980 pasou encarcerado cando era líder sindical.
"O acto de hoxe non homenaxea só a súa memoria, mais tamén marca un pedido oficial de desculpa", escribe Lula nunha carta lida polo ministro da Justiça, Tarso Genro, onde afirma ademais que "en nome do pobo, recoñece os erros do pasado".
Ademais da amnistía simbólica, concedida por unanimidade no día festivo pola Proclamación da República, a familia do ex presidente, líder tamén do Partido Trabalhista Brasileiro, recibirá unha "reparación económica". O seu valor será asignado noutro xuízo.
Política social e soberana
Durante o seu mandato, Jango aprobou leis que garantían beneficios a traballadores urbanos e rurais. Tamén buscou diminuír a participación de empresas estranxeiras nalgúns sectores estratéxicos da economía. Ademais, mantivo unha política exterior independente, con relacións diplomáticas coa URSS e rexeitando apoiar a invasión de Cuba proposta polo presidente de EUA John F. Kennedy.
O 13 de marzo de 1964, nun discurso ante 150 mil persoas na Central do Brasil, anunciou reformas estruturais como a nacionalización de refinarías de petróleo e a nacionalización de terras para a instauración da reforma agraria. Poucos días despois, iníciase a denominada polos golpistas Revolução Redentora que concluíu o 1 de abril coa saída de Jango do goberno, e que deu comezo a 21 anos de réxime militar.