As mozas adestradas por Isaac Fernández impuxéronse en Italia ás súas principais rivais na loita pola segunda posición.
O Extrugasa acadou este xoves unha vitoria importante de cara ás súas aspiracións de seguir competindo na Fiba Eurocup. As arousás visitaban o campo do Pallancanastro Ribera, rival directo pola segunda posición unha vez que o liderado do equipo francés Tarbes semella inalcanzábel. O marcador final de 66-80 favorábel ao Extrugasa amosa a superioridade coa que o equipo galego dominou o encontro.
As xogadoras adestradas por Isaac Fernández basearon a súa vitoria no xogo colectivo, e así até catro xogadoras estiveron por enriba dos 10 puntos. Volveron destacar Katia da Silva e Tamera Young, ás que se uniron Jaklin Zlatanova e Sara Gómez. O Extrugasa controlou o encontro dende o comezo, e así xa rematou o primeiro cuarto cunha vantaxe de 11 puntos que administraría con comodidade até o final.
Agora o equipo de Vilagarcía atópase nunha situación idónea para acadar o pase á seguinte fase, xa que xogará no pavillón municipal de Fontecarmoa os dous partidos que lle faltan. O maior problema é que no primeiro deles reciben a visita do líder invicto do grupo, o Tarbes francés.