O presidente falou de unidade e cohesión dos socios do bipartito e recordou que a creación deste organismo en Galiza xa figuraba no programa electoral.
Logo de que hai uns días censurase a proposta nacionalista da creación dun ente propio de xestión económica, Emilio Pérez Touriño asegurou que esta iniciativa xa figuraba no seu programa electoral. "Estamos afrontando unha crise e a nosa resposta é a cohesión", contestou ás críticas de desunión que lanzou o líder popular, Alberto Núñez Feijóo, ao tempo que lle recordou que "agora non é momento de eleccións".
A aclaración veu despois de que o presidente da Xunta e o voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, enumerasen as medidas propostas polo executivo galego para afrontar os problemas derivados da actual situación económica: a estimulación da demanda, a recuperación do crédito e a inversión pública. En resposta, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, tachou de "lamentábel" a realidade de Galiza, cifrou a destrución de emprego en 400 contratos diarios e reiterou as súas críticas de divorcio ao bipartito, desta vez en relación á creación dun instituto galego de crédito.
Da súa banda, Touriño asegurou que a creación deste organismo é un proxecto contemplado nos programas electorais cos que se concorreu aos pasados comicios, tanto do PSdeG como do BNG. Asemade acusou ao líder popular de "utilizar as estatísticas como os borrachos os farois, que se agarran deles para non caer", asegurou que Galiza contaba en 2004 con case 50 mil parados máis en 2008 e reiterou que o goberno galego traballa en perfecta consonancia.