Mentres o vicepresidente avoga por un organismo propio que impulse a economía produtiva, o presidente advírtelle que "a campaña electoral aínda non deu comezo".
Emilio Pérez Touriño rexeitou a creación dun organismo galego de crédito oficial, unha proposta que estes días facía Anxo Quintana. Para o presidente da Xunta "non hai respostas autárquicas nin nacionalistas" para afrontar a crise económica, senón que a solución deberá vir de medidas globais e de cohesión.
Este enfrontamento entre presidente e vicepresidente parte dunhas declaracións de Anxo Quintana, nas que avogaba pola existencia dun portelo único ao que puideran acudir as empresas para buscar apoios, ao tempo que permitise ás caixas de aforro participar no capital de risco. Quintana propuxo así a creación dun organismo de crédito oficial autónomo, para controlar e coordinar democraticamente a economía a través das institucións e das políticas propias. Entre as súas propostas, tamén defendeu a participación galega na dirección do Banco de España e doutras institucións de control e supervisión de mercados (como o de valores, das telecomunicacións ou da enerxía).
Pola súa banda, Pérez Touriño defendeu as medidas xa adoptadas en Galiza: "estamos traballando para facer o que hai que facer", dixo, ao tempo que lle recordou a Quintana que "a campaña electoral aínda non comezou". Nesta liña, asegurou que "non é o momento de buscar respostas illadas, senón coordinadas e potentes" xa que, ao seu parecer, "non existen receitas máxicas nin propostas milagreiras". Na súa opinión, Galiza "xa conta cun goberno unido traballando na dirección axeitada" e "ten os instrumentos que debe ter". Finalmente subliñou que a mellor resposta ante a crise é a de deseñar políticas activas de emprego, estimular a demanda e facer que o financiamento chegue ás empresas e entidades financeiras.