Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
PLENO MUNICIPAL

López Orozco saca adiante a moción de confianza grazas á abstención do BNG

O PP criticou duramente o posicionamento dos nacionalistas e preguntaron cal foi a contrapartida que recibiron a cambio.

Redacción - 19:05 10/11/2008

Os orzamentos de Lugo, que superan os 105 millóns de euros, quedaron finalmente aprobados. O pleno municipal celebrado na tarde deste luns seguiu o guión previsto e o alcalde saíu vitorioso da cita. Dunha banda, superou a cuestión de confianza á que el mesmo se someteu, grazas á abstención do BNG, e da outra conseguiu sacar adiante as contas da cidade, un extremo que estaba ligado á súa propia continuidade.

O voceiro nacionalista, Xosé Anxo Laxe, descartou en todo momento presentar unha moción de censura contra Xosé López Orozco: "nós non queremos gobernar a calquera prezo, nin moito menos en consenso co Partido Popular", dixo. Na mesma liña reiterou que "os veciños de Lugo non teñen porque sufrir unha vez máis esta demora nas contas da cidade" e aclarou que "o BNG decide poñerlle fin a esta farsa que iniciou Orozco e que foi alimentada polo Partido Popular, con Barreiro á cabeza".

Precisamente o Partido Popular cargou as súas tintas contra o líder nacionalista: "o seu si que é puro teatro", díxolle recordando declaracións que Laxe realizara nos pasados días nos medios de comunicación criticando o proxecto orzamentario. "Resulta que vostedes din que non van a apoiar estes números, que non poden permitir que se siga nunha liña de despilfarro e gasto... pois agora son os mesmos orzamentos e vostedes xa non os rexeitan", insistiu o líder popular. "¿Cal foi o prezo que lle pagaron por non devolver este boi á corte?" preguntou Joaquín García Díez en referencia a unhas palabras anteriores de Laxe nas que comparaba os presupostos cun boi que estaba desnutrido e delgado e que precisaba de coidados para estar máis forte e lustroso e contar co apoio nacionalista para saír da corte.

Finalmente, o alcalde agradeceu o seu "apoio" ao BNG pola súa "abstención en favor da cidade". Asegurou que "non hai contrapartida ningunha", en referencia ás acusacións populares, e que "non houbo aviso ningún de Santiago", defendendo a autonomía das súas decisións. Ao tempo, tendeu a súa man á oposición no seu conxunto e lembroulle a García Díez que "eu non racho ningún diálogo".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: