Novo episodio nunha lista de conflitos que en dez anos leva causados máis de 5 millóns de mortos.
Malia o acordo de paz asinado a comezos de ano polo propio presidente do país, Joseph Kabila, e o líder do Congreso Nacional pola Defensa do Pobo (CNDP), Laurent Nkunda, as hostilidades reanudáronse con forza os últimos días. Este mércores, as tropas do líder tutsi avanzaban coa intención de tomar o poder da zona leste do país, tratando de controlar Goma, capital clave. Fronte á fuxida dos militares do feble goberno congoleño, na cidade permanecían en principio só os cascos azuis das Nacións Unidas.
Finalmente e antes de entrar na cidade, o líder dos rebeldes anunciaba unha tregua unilateral. Mentres, milleiros de cidadáns seguían fuxindo da urbe cara á veciña Uganda, incrementando un éxodo que en apenas dous meses leva sumados máis de 200 mil novos desprazados na zona, segundo avaliou a ACNUR. A estimación é que só nos últimos catro días, e no medio do caos total, cando menos 45 mil congoleños fuxiron dos campos de refuxiados nas inmediacións de Goma.
Última hora: BBC