Tzipi Livni renunciou a formar goberno ao non conseguir os socios precisos para crear unha coalición.
A sucesora de Olmert, Tzipi Livni
A líder do partido do goberno en Israel, Kadima, Tzipi Livni, ten previsto pedir este domingo a convocatoria anticipada de eleccións á presidencia do país, tras admitir que non tivo éxito á hora de convencer outros partidos para formar un goberno de coalición.
Após pasar os 42 días estipulados pola lei israelita, dende a dimisión, como primeiro ministro, de Ehud Olmert, Livni só contaba co apoio do Partido Laborista, mais aínda con isto estaba lonxe de sumar unha maioría estábel.
"Estou farta de que me extorsionen"
Ao parecer, Livni tomou a decisión de convocar eleccións tras varios días de negociacións co partido ultra-ortodoxo Shas, que a pasada sexta feira saíu da xuntanza por discordancias co pacto de goberno. Segundo os analistas, a política israelita podería temer que a súa imaxe pública se vexa manchada após semanas de reunións cos ultra ortodoxos. Ela mesma declaraba este sábado: "Estou farta de que se me extorsione. Polo tanto, vou declarar eleccións. Cando a xente pensa que todo depende do seu voto, formula máis e máis demandas", dixo, referíndose ás negociacións truncadas.