Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións federais en Canadá

O Bloque arrasa no Québec

O primeiro ministro quebequés, Jean Charest, dixo que colaborará co seu homólogo canadense, o reelecto Stephen Harper, sempre que este respecte as súas posicións.

Fernando Arrizado - 20:20 15/10/2008
Gilles Duceppe, no centro

Gilles Duceppe, no centro

O Partido Conservador do primeiro ministro canadense, Stephen Harper, logrou a vitoria nas eleccións ao parlamento federal, obtendo 143 deputados, mais fica lonxe da maioría, situada nos 155 escanos.

A mellora con respecto aos comicios anteriores (127 deputados) non é suficiente, polo que Harper precisará do apoio dun dos tres partidos da oposición para poder gobernar.

O Partido Liberal, que baixa de 95 deputados a 76 é o gran damnificado. O seu líder, Stephane Dion, aceptou a derrota e prometeu traballar co goberno para protexer os intereses económicos dos canadenses.

En terceiro lugar mantense o Bloque Quebequés que sobe dous escanos en relación ás últimas eleccións federais. Os nacionalistas conseguen 50 deputados e o seu líder, Gilles Duceppe, xa lle pediu a Harper que respecte a elección democrática dos quebequeses, abra o goberno e negocie.

Os nacionalistas ofrécense a colaborar
Tamén o primeiro Ministro do Québec, Jean Charest, pronunciouse ao respecto. O máximo dirixente quebequés sinalou a súa intención de colaborar co novo goberno de Canadá, sempre e cando respecten as posicións do seu país nas cuestións principais.

No territorio do Québec, o Bloque volveu arrasar, conseguindo dous terzos dos 75 escanos en xogo. Pola súa banda, o Partido Conservador logrou 10, o Liberal, 13 e o Novo Partido Democrático (NPD), 1, ao igual que os Independentes.

A nivel federal o cuarto partido con maior número de deputados e o NPD, que dentro da filosofía da política canadense, podería considerarse o máis progresista dos tres grandes partidos estatais e, polo tanto, o que menos posibilidades ten de entrar nun goberno de coalición cos conservadores.


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: