Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
TERESA GONZÁLEZ COSTA, AUTORA TEATRAL

"No circo e no teatro é onde un pode ser libre"

É a primeira persoa que gaña os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María de Textos Teatrais.

Marcos S. Pérez - 11:51 19/10/2008

O luns Teresa González Costa recibiu unha dobre-boa-noticia: viña de obter o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, e á vez o Manuel María de Literatura Dramática Infantil, outorgados pola Agadic. É o seu primeiro gran recoñecemento como autora teatral, aínda que no 2004 recibira unha mención especial do xurado do Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques por Canun digas Narice e un ano despois foi finalista do Premio de Teatro Rafael Dieste con Alén das Brumas.

A súa formación dramática vén de lonxe, de moito traballo como contacontos e como actriz no teatro universitario, tanto en Galiza como en Italia, Suíza ou Francia, "sempre me entusiasmou o teatro, en Francia mesmo cando aínda non sabía ben a lingua, ía ver obras en francés para coñecer o teatro de alí". A nova, de feito, sorprendeuna en Francia, onde reside algúns meses ao ano, e a onde acababa de chegar en coche dende Vigo, "saltáronme as bágoas de alegría, e de inmediato volvín para Galicia".

É a primeira vez que unha persoa gaña estes dous premios, e Teresa González Costa fíxoo con dous textos totalmente diferentes entre si: o gañador do Cunqueiro, Sempre quixen bailar un tango, é unha obra dura, sórdida mesmo, que trata a incomunicación humana; o que obtivo o Manuel María é unha obra para nenos, Pingueiras e tarteiras, un texto luminoso e lúdico. "Cando escribo para nenos, fágoo dende unha óptica completamente distinta. Os nenos non teñen unha perspectiva da morte, viven o presente. Por iso o teatro infantil non trata do perigo", di González Costa, que define esta segunda obra como "un texto divertido, unha homenaxe ao circo, porque é no circo e no teatro onde un pode ser libre". O xurado, no seu ditame, cualificouno como unha "apoloxía da ledicia e da fantasía" que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos.

En cambio, Sempre quixen bailar un tango conta a historia de Manuel, un home que asiste con serenidade ao final da súa vida ante a indiferencia da súa filla e de mailo seu xenro. O xurado destacou a intención de ridiculizar valores dominantes na sociedade actual. Teresa González Costa ficou un tanto sorprendida con esta definición: "Ás veces cando escribimos algo, non temos unha lectura crítica, e non teorizamos. Pero esta obra si que constitúe unha crítica moi forte contra certos valores establecidos". "Eles están noutra dimensión", di Teresa, "manexan uns valores convencionais e unhas necesidades, ou cousas que a sociedade impuxo como necesidades, como ter un coche mellor ou un ascenso social, que fan que non perciban a realidade do home". O contrapunto está no personaxe de María, a muller da limpeza, a única que ve a realizade de Manuel, "María é a vía de escape poética de Manuel", conclúe a autora.

En canto á dureza da obra, González Costa comenta que "non é sórdida, pero o absurdo éo, e ás veces a falta de comunicación e un tema moi duro. E tamén ás veces a familia é unha perversión dos sentimentos".


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: