Xosé A. Neira Cruz fíxose co Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de teatro para rapaces.
Teresa González Costa é a gran triunfadora da edición 2008 dos premios de literatura dramática convocados pola AGADIC. A autora obtivo os premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e Manuel María de Literatura Dramática Infantil polas obras Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras, converténdose na primeira persoa que gaña os dous galardóns. A autora desenvolveu a súa actividade teatral en longas estadías en Italia, Francia e Suíza.
O texto gañador do Álvaro Cunqueiro, Sempre quixen bailar un tango, debuxa un escenario de desencontros entre os personaxes que o habitan: Manuel, que se enfronta con serenidade ao final da súa vida; a súa filla mailo seu xenro, aos que a excitación polos plans de futuro os mantén alleos ao drama; e María, a moza encargada da limpeza, que a pesar do seu desencanto coa vida, é a única sensible ao que sucede ao seu carón. O xurado destacou a solidez da súa estrutura dramática, cualificándoa como unha obra "moi coidada" e "moi ben construída", así como a súa intención de ridiculizar valores dominantes na sociedade actual como o afán de poder, a ambición, as aparencias, a superficialidade ou o materialismo, en contraste co "poder salvador dos soños".
Pola súa banda, o texto gañador do III Manuel María de Literatura Dramática Infantil, Pingueiras e tarteiras, é definido no ditame como unha apoloxía da ledicia e da fantasía que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos. Trátase dunha obra moi lúdica, que recorre a múltiples xogos de palabras para contar como a chegada dunha compañía de circo cambia a vida cor gris nun castelo no que sempre chove.
Os titiriteiros, protagonistas do texto gañador do Barriga Verde
En O punto da escarola, gañador do VI Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, Neira Cruz artella un divertimento teatral que fai unha homenaxe implícita á profesión de titiriteiro. O xurado valorou a plasticidade da obra e o enxeño dos seus diálogos, ademais de subliñar o seu "gran sentido do humor e unha utilización moi intelixente da música".
O Barriga Verde quedou deserto na categoría de teatro para adultos. Porén, o xurado quixo deixar constancia no seu ditame da "calidade e o bo nivel" dos textos presentados aos outros tres galardóns, un total de 54: 28 ao Álvaro Cunqueiro, 10 ao Manuel María, e 16 ao Barriga Verde (13 textos para rapaces e 3 para adultos).