Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PASAMENTO

A cultura galega perde a Ramiro Fonte

O poeta eumés levaba unhas semanas ingresado nun hospital de Barcelona, onde faleceu a medianoite do sábado.

Redacción - 11:10 11/10/2008

O escritor e membro correspondente da Real Academia Galega Ramiro Fonte faleceu a medianoite do sábado en Barcelona, no hospital de Bellvitge, onde se atopaba ingresado dende o 23 de setembro. Fonte, nado en Pontedeume en 1957, era director do Instituto Cervantes de Lisboa e un dos poetas máis importantes das dúas últimas décadas no país.

Ramiro Fonte foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo Fondo en 1977 e publicou unha ducia de volumes de poesía, cos que obtivo numerosos premios, entre eles o da Crítica de Galicia, o Premio Losada Diéguez de creación, o Premio da Crítica española, o Esquío, ou o Miguel González Garcés. Tamén é autor de oito novelas, a máis recente A ponte nos ollos (2007), conclusión da triloxía Vidas de infancia.

O pasado mes de xullo recibiu o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra, no decurso dunha homenaxe que se lle rendeu na cidade de Ferrol, á que estivo vencellado a pesar de ter nado na veciña Mugardos.

Reaccións
Na súa vertente de membro correspondente da RAG, o académico Xosé Luís Axeitos salientou a importancia de Fonte no eido da lírica: "Foi fundamentalmente un gran poeta. Dáse o paradoxo de que máis xente o coñece polas súas memorias, pero por riba de todo foi un poeta". Ademais, explicou que "se formou entre a tradición e as lecturas máis vangardistas. Rosaliano confeso e lector de literatura do século XIX", aínda que tamén entregado ás letras do século XX, con influencias como a de Manuel Antonio. "El quiso sempre ser poeta", afirmou Axeitos.

O director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, lembra este sábado no seu blog Brétemas o papel fundamental de Ramiro Fonte na poesía galega: "A noticia prodúcenos enorme desolación. Abandonounos un amigo de lealtade inquebrantable e un dos grandes, grandes, escritores galegos universais de todos os tempos. A cerimonia do seu pasamento celebrarase en Pontedeume. Con todos os nosos abrazos para Elsa".

A tenente de alcalde do Concello de Ferrol e concelleira de Cultura, Iolanda Díaz, afirmou que fora unha grande perda para a cidade e para todo o país, pois "conseguiu trascender a ser case universal". Salientou que Ramiro Fonte "soubo renovar magnificamente a literatura e a poética no noso país", e que as súas achegas creativas foron "fundamentais nun momento dificil".

Díaz tamén lembrou que, ademais da homenaxe que se lle rendera no mes de xullo, estaba previsto recoñecelo como fillo adoptivo de Ferrol con outro acto. De feito, xa se musicou un dos poemas que leu na entrega do premio Porto Magno e tamén se elaborou un traballo de publicación dos seus poemas. Porén, non puido ser: "Tiñamos moi pouco tempo porque sabiamos da súa enfermidade".


Ligazóns

4,68/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: