Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate do Estado da Nación

Coincidencia na importancia dun novo Estatuto pero sen consenso no horizonte

Os líderes de PSdeG, PPdeG e BNG concordaron na importancia do impulso ao autogoberno malia non debuxárense puntos de encontro nas respectivas interpelacións dos partidos que apoian goberno e oposición.

R.N - 20:15 07/10/2008
Tags:



Á actitude "pechada e inmobilista da dereita" atribuíulle este martes no Parlamento o presidente da Xunta a imposibilidade de que Galiza asistise a un chanzo clave no camiño da autonomía a través da reforma do Estatuto. Xa na súa primeira intervención do día, Emilio Pérez Touriño cualificou de "aspiración irrenunciábel" o relanzamento do proxecto estatutario, un obxectivo que situou no escenario da próxima lexislatura.

Ao respecto do fracaso da negociación entre os tres grupos parlamentarios, Pérez Touriño reiterou a acusación á postura do PPdeG e de xeito concreto á submisión do actual líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijoo, aos mandatos da dirección do PP en Madrid. Asegurou Touriño que durante a fracasada negociación só puxo unha condición, que resumiu na arela dun Estatuto "de primeira, nin un milímetro por baixo doutras comunidades".

Crítica ao "travestismo" político de Feijoo
Na súa réplica posterior, o presidente apúxolle de novo a Feijoo o suposto sometemento ás ordes da dirección estatal do PP. Exemplificou Touriño a súa reflexión recordando o rexeitamento que o líder do PPdeG realizou da introdución dunha referencia ao himno galego como solución de consenso para o novo Estatuto. Ao fío, Pérez Touriño recuperou unha intervención rexistrada no diario de sesións en 2003 onde Núñez Feijoo usaba a expresión "cremos no feito galego dentro desa nación de nacións que é España". "Que cambiou, que tocaron a corneta en Madrid?", ironizou o líder do PSdeG.

Laiouse o presidente da Xunta de que non fose daquela posíbel a consecución dun texto que, "respectando os límites constitucionais", lle outorgase ao pobo "o máximo nivel competencial, o máximo recoñecemento identitario e os instrumentos necesarios para garantir novos dereitos e maiores niveis de progreso e benestar social". Ao respecto, dixo estar seguro de que os cidadáns avalarán co seu voto ese proxecto na próxima convocatoria electoral.

Quintana propón un compromiso conxunto cara ás próximas eleccións
O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, foi quen máis énfase puxo na importancia do avance no autogoberno, poñendo exemplo práctico no impacto que os "espazos de decisión nacionais" poden ofrecer á hora de xestionar contextos económicos como o actual. Quintana falou do autogoberno como a mellor "blindaxe" que os galegos poden usar para afrouxar os efectos da crise. Ao fío, subliñou que na súa opinión o país ha demandar máis ca nunca "un novo Estatuto de nación" e convidou o PP a unirse ao traballo do "diálogo" para facer posíbel esa meta.

Quintana desafiou así a Núñez Feijoo a explicitar a presunta vontade de conquerir acordos do seu partido, convidándoo a sumarse a "un gran acordo nacional" para trazar o que debuxou como "a nova fronteira do autogoberno en Galiza". Ao respecto, o líder do Bloque recordoulle a recente capacidade que o PP amosou para facilitar un acordo estatutario en Castela-A Mancha, reprobando que os populares non demostren a mesma disposición en Galiza.

Así, Anxo Quintana propuxo reanudar "con urxencia" o diálogo para a reforma aproveitando os traballos xa realizados. De paso, e no agoiro de que no treito final de lexislatura non fose posíbel completar a negociación, o voceiro do BNG chamou os rivais políticos a comprometérense a introducir nos respectivos programas electorais a garantía de que facilitarán o pacto e aprobación do novo estatuto durante o primeiro ano da vindeira lexislatura.

Feijoo admite a necesidade do impulso ao autogoberno
Tocou o asunto estatutario inicialmente o líder do grupo parlamentario do PPdeG para insinuar que o actual Goberno non espreme abondo os instrumentos institucionais que segundo el xa ofrece o actual Estatuto para a tarefa de creación de emprego. De paso, Alberto Núñez Feijoo aproveitou para preguntar polas 70 novas competencias ás que no seu día dicía aspirar a incorporar o actual equipo de goberno.

Feijoo concedeu a importancia do impulso ao autogoberno e puxo no horizonte posterior ás próximas eleccións a hora de volver intentar a negociación estatutaria, cualificando a reforma "constitucional" do Estatuto como un desafío "necesario e posíbel". No entanto, expresou a súa convicción de que se trata dunha ferramenta que debera ser útil para "reforzar consensos básicos na sociedade", citando o caso da lingua e atribuíndolle a socialistas e nacionalistas a responsabilidade na perda dese consenso.

Nesa liña, a interpretación de Núñez Feijoo do anterior episodio negociador, baseouse en acusar o presidente da Xunta de ter renunciado a aprobar un Estatuto "con maioría do 90% do Parlamento" coa fin de "manter a estabilidade do seu Goberno". Ao respecto, Feijoo dixo considerar que de manteren o pulso negociador, "o BNG remataría sumándose, porque non podía quedar outra vez fóra do consenso". "Traian unha proposta pechada de PSOE e BNG e comezamos hoxe mesmo a falar", retou Feijoo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: