Inserida no que o presidente do Goberno definiu de exemplo de "rexeneración democrática", Pérez Touriño anunciou ademais a reforma da CRTVG antes de que remate o ano.
Transparencia, diálogo social e cooperación institucional foron principios subliñados polo presidente da Xunta no seu balance dos tres anos de lexislatura, defendendo que a "nova maneira" de entender a acción de goberno que prometera no momento da súa investidura estaría reflectida nun conxunto de iniciativas xa impulsadas. Emilio Pérez Touriño citou ao respecto as leis de transparencia e subvencións, o rexistro público de axudas e convenios e o rexistro de actividades e bens patrimoniais dos altos cargos.
A maiores, engadiu a ese grupo a lei de publicidade institucional, da que revelou que será aprobada polo Goberno o próximo xoves, no mesmo Consello da Xunta onde tamén avanzou que se aprobará o proxecto de lei de creación do canon hidroeléctrico. Relacionado a isto, afirmou unha vez máis que a reforma da CRTVG será presentada antes de que remate este 2008. Por outra parte, destacou o "papel central" que na súa opinión adquiriu o Parlamento neste tempo, un escenario que segundo Touriño non se producira e que exemplificou co reconto de comparecencias do propio presidente na Cámara, 11 en tres anos, que contrapuxo ás tres que concedera Manuel Fraga en 16 anos.