Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
KOSHER

Os xudeus ultra-ortodoxos de Israel réndense á telefonía móbil

As principais compañías do país lanzan modelos de teléfono que cumpren coas restricións da comunidade Haredi.

Redacción - 16:45 11/10/2008

A pesar de que, tradicionalmente, a comunidade xudía ultra-ortodoxa de Israel se opoñía ás innovacións tecnolóxicas, as cousas comezan a cambiar. Xa existe o teléfono móbil kosher.

Segundo informa a BBC, a comunidade Haredi, que mantén a tradición nas súas prácticas relixiosas e mesmo na súa vestimenta, non é allea á tecnoloxía moderna. O estudo diario das escrituras sagradas, gardar o sábado e consumir só comida kosher non impide que tamén se poidan empregar trebellos, sempre autorizados polo rabino.

O móbil kosher ten o aspecto dun teléfono normal, aínda que conta cun selo que di 'Aprobado polo Comité de Rabinos para Asuntos de Comunicación'. Pode facer e recibir chamadas e mesmo pode ter calculadora e alarma. O que non permite é enviar ou recibir mensaxes de texto, navegar pola internet nin tirar fotos, actividades que poderían levar a condutas "inmodestas" para os ultra-ortodoxos.

Esta vertente do xudaísmo cre que o envío de SMS pode levar a recibir masivamente mensaxes que publiciten actividades seculares, ou como un xeito de comunicación ilícita entre adolescentes dos dous sexos. Ademais, están prohibidas as fotografías de mulleres, ou acceder a webs consideradas inapropiadas.

As principais compañías de telefonía móbil de Israel xa lanzaron móbiles kosher, e tamén paquetes especiais de prezo reducido que só conectan con outros números Haredi, que teñen prefixos exclusivos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: