Pídeselle ao Ministerio de Medio Ambiente que paralice as obras até que exista un estudo en profundidade sobre o impacto ecolóxico e social.
Vista dos canóns do Sil / Flickr: FreeCat
Os tres partidos con representación no Parlamento aprobaron este mércores unha proposta non de lei a través da cal instan ao goberno español a paralizar os encoros que se están a construír nos canóns do Sil. O proxecto foi impulsado polo grupo parlamentario do BNG e contou co apoio de PP e PSdeG que non consideraron suficiente o tempo que pasou entre a proposta da empresa Iberdrola e a autorización das obras por parte do ministerio. A situación é especialmente grave si temos en conta que os canóns do Sil son unha zona protexida pola Rede Natura, organismo europeo para a conservación da biodiversidade en determinadas zonas.
Tanto o proxecto de construción do encoro chamado Santo Estevo II como outros en fase de aprobación traen graves consecuencias para esta zona protexida. A nivel medio ambiental a apertura dos túneles necesarios ocasionará moitos cascallos, e o aproveitamento do caudal para fins hidroeléctricos acentúa unha situación que pode traer pésimas consecuencias para especies e hábitats protexidos. No que se refire ao turismo, paralizaranse as viaxes en catamarán durante o tempo que duren as obras. Todo isto para permitir o lucro de unha empresa estranxeira que apenas vai xerar postos de traballo na zona.
A deputada do BNG Ana Pontón foi a encargada de presentar a iniciativa, e xustificouna argumentando que os ríos galegos "xa están saturados, especialmente os desta zona". Pola súa parte, o deputado do PP Enrique López Veiga afirmou que unha modificación de esta índole no medio natural só se debería permitir se deixa atrás uns "beneficios claros" para Galiza.