O goberno ditou a orde ante os numerosos altercados que se produciron na zona, un día despois do asasinado de, polo menos, dez labregos na cidade de Porvenir.
O goberno de Bolivia ditou este sábado o estado de sitio na rexión de Pando, ao norte do país, debido aos enfrontamentos entre os partidarios de Evo Morales e os opositores, xusto un día após a matanza de, polo menos, dez campesiños na poboación de Porvenir, a 52 quilómetros da cidade de Cobija, capital do departamento.
O ministro de Goberno (Interior) de Morales, Alfredo Rada, asegurou que antes de tomar esta decisión, fixeron unha análise profunda do que acontecía. Así o especificaba: "O goberno nacional, nas últimas horas, analizou a situación excepcional que se presenta en Cobija e viu que non só está a pór en perigo a convivencia entre cidadáns, senón os dereitos fundamentais como seres humanos, fundamentalmente o dereito á vida". Rada engadiu, ademais, que en Pando "houbo unha auténtica masacre".
A medida tomada polo executivo boliviano prohibe levar armas de fogo, armas brancas e calquera material explosivo en toda a rexión de Pando. Tamén quedan prohibidas as xuntanzas políticas, mitins, folgas, bloqueos e calquera tipo de manifestación nas rúas. A circulación está controlada e restrinxida para certas horas do día e prohibiuse o tránsito nocturno de grupos de máis de tres persoas. Tamén se controlou o tráfico aéreo do aeroporto de Pando, ocupado hai varios días por paramilitares do movemento cívico local (o Comité Cívico de Pando, ligado á prefactura local).
A matanza de Pando
A madrugada da pasada quinta feira na Prefectura de Pando, paramilitares, sicarios e funcionarios por un lado, e campesiños polo outro, protagonizaron un enfrontamento que se saldou cun balance de 10 mortos e máis de 40 feridos.
Naquela altura, a delegada do goberno na zona, Nancy Teixeira, aseguraba que a masacre fora organizada polo prefecto Leopoldo Fernández, membro do grupo opositor de ultradereita. Teixeira, que se atopa refuxiada, sen coñecerse o seu paradeiro, asegurou este sábado que os paramilitares aínda continúan perseguindo os campesiños no monte, sen deixar pasar as ambulancias para que socorran os feridos. Polo seu lado, o senador Abraham Cuéllar denunciou que se seguen a atopar cadáveres na zona.
Namentres, o presidente boliviano, Evo Morales, convocou os prefectos opositores do Consello Nacional Democrático (Conalde) a unha xuntanza para falar "sen condicións nin imposicións" para frear a onda de violencia e saqueos que se está a desenvolver en varias zonas do país. O prefecto do departamento de Tarija, Mario Cossío, contestoulle a Morales, e aseguroulle que vai ser el quen represente o Conalde este sábado na xuntanza.
Os enfrontamentos cos partidarios do gobernador da provincia continúan
As protestas nas rexións petroleiras do país (entre elas a de Pando) terminaron por bloquear a metade das exportacións de gas a Brasil e a totalidade das dirixidas a Arxentina. O goberno tamén despregou, a pasada sexta feira, o exército, nun intento de restaurar a produción.