Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XAN FORTE, DE FUXAN OS VENTOS

"O panorama da música do país hai trinta anos non ten nada que ver co de agora"

Oito meses de preparación serviron para que o senlleiro grupo musical Fuxan os Ventos volva pisar as táboas este outono.

M. del Río - 12:30 07/09/2008
Capa do primeiro disco de Fuxan os Ventos

Capa do primeiro disco de Fuxan os Ventos

O 18 e o 19 de outubro, Fuxan os Ventos volverá dar un concerto. Será no Auditorio de Galicia, en Compostela, despois de case dúas décadas afastados dos escenarios, agás algunha actuación puntual. O espectáculo levará por título 'Terra de Soños. Falamos con Xan Forte, un dos integrantes de Fuxan.

A que se debe a volta de Fuxan os Ventos aos escenarios?

En principio, a volta é porque nos apetecía moito, despois de tanto tempo sen facer actuacións do grupo, apetecíanos moito preparar algo para facer unha actuación. Sempre tivemos esta posibilidade, pero por tempo foise deixando... e agora decidimos que era o momento. Por outra banda, temos os dous últimos discos, que nunca tocamos en directo. É unha oportunidade para presentalos en directo. É unha novidade en público.

Custou moito volverse reunir?
Sempre custa cando falamos de xente xa cunha idade avanzada, que ten as súas historias persoais, familiares, laborais, e que cada un vive nun sitio, espallados entre Lugo e A Coruña. Non é fácil ensaiar. Non é posíbel facer proxectos a curto prazo. Este concerto comezamos a preparalo hai oito meses. Non é fácil, con é como cando tiñamos 16, 17 ou 18 anos.

Anúnciase que van reinterpretar temas emblemáticos do grupo
O concerto basicamente é un percorrido por toda a discografía do grupo, de 1972 a 1990, que foi cando deixamos de actuar de xeito regular e só volvemos para actos puntuais. Agora o que facemos é un concerto co que imos facer un percorrido por toda a discografía e o repertorio. Están os temas que se fixeron hai trinta e pico anos. Hailles que dar un pouco máis de base instrumental, teñen necesidade dalgunha revisión. Vainos acompañar unha banda de nove músicos que vai dar soporte instrumental a todo o grupo, dirixida por Xosé Luís Romero, o que nos permite centrarnos na parte vocal.

Como ve a evolución da música que se fai en Galiza dende Fuxan os Ventos, que tamén foi unha influencia importante nela?
A evolución foi, sobre todo, a partir dos anos 90, meteórica. O panorama da música galega hai trinta anos non ten nada que ver co de agora. Había grupos de gaiteiros que facían un traballo interesante e que conservaron as nosas músicas, a memoria dos nosos vellos, que nos transmitiron tantas cousas. A partir de 1992, a actividade dos músicos, instrumentistas, pandeireteiras... creceu xeometricamente. O panorama ten hoxe unhas perspectivas que naqueles tempos non se visualizaban. Boto un pouco en falta que todos estes instrumentistas que tocan e cantan e traballan, o que fan dun xeito técnico e estudado, quizais se quitamos as pandeireteiras quédanos a parte dos grupos vocais. Quizais na parte creativa hai traballo por facer, e non teño dúbida de que se fará.

Pensan dar máis concertos despois dos dous de Compostela?
Aí estamos. En principio o noso compromiso e dedicación foi preparar estes dous concertos. De momento é o único que temos por diante. Máis adiante no sei o que pode pasar. Se non nos metemos dunha dinámica de ensaios, de estar na estrada, é moi complicado. O que nos ocupa son estes dous concertos, aínda que non descarto que se poida facer algo máis adiante.


4,92/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: