Marcos S. Pérez - 11:00 19/08/2008
Polo gordo dun pelo, pero vitoria ao cabo. O licor café de SkandaloGZ derrotou no sprint final aos dous amigos de Roger de Flor, converténdose na canción escollida polos lectores de Vieiros. Canción do verán ou do inverno, que o licor non sabe de estacións, o tema deu a coñecer en todo o país a esta banda de Ponteareas. SkandaloGZ ten unha maqueta con dez cancións que xa comezou a distibuír, sobre todo polo Condado, e que moi logo estará dispoñíbel nos centros sociais do país, por onde ademais realizarán unha xira a partir de outubro. Antes, este vindeiro venres, actuarán en Cortegada.
Parece que o licor café é xa unha constante na música galega dos últimos anos. Está nas letras de moitas cancións porque tamén é a orixe de moitos temas?Nós fixemos esta canción porque o licor café é un produto típico, da terra; é unha canción que fala de algo de aquí. Hai moitas cancións que non falan de Galiza, non falan de nada próximo. Falo por exemplo da maior parte das que se presentaron este ano a A Polo Ghit; por exemplo a que gañou, a de Boy Elliott: musicalmente está ben, pero é unha canción de amor, unha canción pop, non fala de nada; iso non nos interesa. Ou a de Jabón Blue: é o himno dun club deles, non fala dos problemas da xente.
Vós definídevos como un grupo obreiro, que fai música para as clases populares...Si, temos unha maqueta con dez cancións. Aí hai temas que falan dos accidentes no posto de traballo, da memoria histórica, das persoas que escaparon ao monte no 36, dos mortos na guerra e na represión franquista. Para nós a música non é un espectáculo, é unha forma de informar, para que as novas xeracións, os rapaces de 18 ou vinte anos non perdan o coñecemento do que aquí pasou, do que aquí se sufriu.
Polo que escoitei, esa maqueta non reflite a formación actual da banda, á que incorporastes dous instrumentos de vento. Pensades regravalas?Si, agora temos trompeta e trombón, que axudan a que as cancións sexan máis alegres, e máis bailábeis. Cando teñamos oportunidade si que nos gustaría gravalas de novo, aínda que os ventos en realidade non están en todas as cancións.
Como é o ambiente musical en Ponteareas?Aquí tira máis o metal. Hai algún grupo de pop e de punk, pero aínda estamos empezando. Sobre todo dende que abriu o Centro Social Manuel González Fresco, onde paramos varios grupos.
É alí onde ensaiades?Non, o local de ensaio construímolo nós, con outros grupos, nunha leira. O Concello de Ponteareas non axuda nada aos grupos: non organizan festivais ou concertos, e aínda que hai un local de ensaio, é moi difícil conseguir un sitio. Así pois, entre algunha xente erguemos catro paredes.
Ten boa acústica?Aínda non acabamos de acondicionala, pero polo menos temos un lugar no que tocar, e no que deixar os instrumentos sen que nolos rouben.
Estades tamén na semifinal do Nsaio no Camiño; outro escaparate para darvos a coñecer...Si, ser seleccionados entre máis de 150 maquetas foi xa unha gran noticia, pero gañar o concurso sería importantísimo para consolidar o grupo. Por iso estamos preparando moi ben ese concerto.
E despois, xira?Si, a partir de outubro comezaremos unha xira que nos levará a tocar, en doce meses, por doce centros sociais de todo o país.