Antes de que o próximo sábado os expertos decidan o gañador do concurso, a peneira de internautas e radio-oíntes decidiu xa o seu favorito.
Do licor café do licor café do licor café
Do licor café do licor café do licor café
Os rapaces pídenlle baile as rapazas
Bailemos un vals
Velaí retrousos que prenderon ben entre o público deste A Polo Ghit 2008, que decidiu cos seus votos recoñecer o tema "Licor Café" de SkandaloGZ. Os rapaces de Ponteareas son así os primeiros en subir ao podio musical do verán. Parabéns a Oscar (Guitarra e voz), David (Baixo) e Rantan (Bateria), gañadores do premio do público.
Hai que sinalar tamén que foi un sprint final moi igualado, onde entre as preferencias dos afeccionados se destacou tamén a peza "Os dous amigos", de Roger de Flor. O resultado final, logo de sumarlle aos votos na rede os recibidos na Radio Galega a través das chamadas da audiencia e das mensaxes SMS, foi de 2.213 apoios para SkandaloGZ e 2.150 para Roger de Flor.
E recorden que os temas finalistas teñen aínda por diante a emocionante xornada do sábado, que será cando coñeceremos a decisión dos expertos. O premio do xurado, permitiralle ademais ao gañador representar a Galiza no Festival Liet Lavtut. A decisión final do xurado anunciarase este sábado ao mediodía, en Vieiros e no Extrarradio da Radio Galega. Será a fin de semana do A Polo Ghit na fin de semana máis festeira do verán galego.