O PP critica a rifa de PSC e PSOE malia que a súa representante en Cataluña flirtea coa posibilidade de sumarse á fronte común das forzas parlamentarias catalás.
Se non hai financiamento "non haberá orzamentos xerais", agoiraba diante das cámaras de TV3 Jaume Bosch, voceiro parlamentario de ICV-EUiA. Tamén os voceiros de CiU e ERC se expresaron no mesmo sentido, reafirmando a vontade das tres formacións de manter o pulso fronte ao goberno español, nunha estratexia que consideran avalada polo tripartito e polo PSC en particular, malia que este partido optou por non enviar representante á cita coa televisión pública catalá. De xeito particular, e de non cambiar as cousas nos próximos días, a executiva do PSC instaría os vinte e cinco deputados do PSC no Congreso a rexeitar os Orzamentos Xerais do Estado. A maiores, os voceiros parlamentarios cataláns tratarán de forzar a comparecencia do presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, durante a comisión permanente neste mesmo mes de agosto.
Por outra parte, e preguntada sobre a ameaza de bloqueo aos orzamentos xerais do Estado, a vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, dixo esperar que o PSC sexa "responsábel" no seu proceder. Ao tempo, afirmou estar segura de que alén do que cualificou como algún "exceso verbal", as formacións políticas catalás "vanse esforzar por conseguir o consenso". Con todo, rexeitou calquera autocrítica desde o executivo estatal e diante dos micrófonos da Cadena Ser expresou este luns que na súa opinión o goberno español "cumpriu os seus compromisos con Cataluña".
O PPC faille as beiras á plataforma común
Era un posicionamento dificilmente prognosticábel hai meses, pero no contexto actual, a nova líder do PP en Cataluña tivo xuntanza este luns co conselleiro de Economía da Generalitat, Antoni Castells, coa posibilidade de unirse ao pulso co goberno español e aceptar a tese do tripartito catalán enriba da mesa. "Necesitamos máis cartos e máis recursos", afirmou incluso a nova presidenta do PPC, Alicia Sánchez Camacho, para Catalunya Informació. Con todo e paradoxalmente, o PP catalán non ve que ese posicionamento ao respecto das necesidades de Cataluña vaia unida ao cumprimento do Estatut, cuestión que o resto de formacións dan por feita.