O voceiro parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, pídelle a Touriño que facilite unha "posición de país" a defender diante do goberno español.
Aymerich interpretou este luns que a rifa entre o PSC e o PSOE evidencia a "diferenza" entre o PSC e o PsdeG-PSOE. "Un actúa en función dos intereses do seu país e formula posicións que logran o apoio das forzas políticas catalás, mesmo do PP, e negocia e defende de ti a ti co goberno español", analizou o voceiro parlamentario do BNG, criticando que "o PSOE galego actúa exclusivamente en función de estratexias alleas, deseñadas por Ferraz ou Moncloa".
Ao fío, Aymerich laiouse de que se queira presentar o conflito como unha "batalla entre comunidades autónomas", e comentou que o problema de fondo no debate sobre financiamento ten que mer coa necesidade de que o goberno español poña "máis recursos enriba da mesa".
Como camiño para a solución, o deputado nacionalista convida a fixar unha "posición de país" que o conselleiro de Economía poida levar posteriormente á súa próxima xuntanza co ministro Solbes de xeito que se faga valer a posición de Galiza. Nese sentido, sinalou que o Bloque xa lle ofertou no seu momento ao conselleiro a posibilidade do acordo "de país". En palabras de Aymerich, o BNG "non defende a aplicación a Galiza da fórmula fixada no Estatut", senón o dereito de Galiza a fixar, "como xa o fixo Cataluña", a fórmula que mellor responda ás necesidades do país "e que asegure recursos para financiar a sanidade, a educación e os servizos sociais que merecen os galegos".