Xeorxia retírase de Osetia do Sur pero anuncia unha próxima ofensiva militar. Arredor de 7 mil persoas fuxiron xa dos seus fogares na zona.
O presidente de Xeorxia, Mikhail Saakashvili, pediu o cesamento do fogo e o freo ao que cualificou de "aniquilación" da democracia do país. Mentres, o exército xeorxiano recoñeceu a morte de até 100 soldados nos enfrontamentos. Segundo o goberno, as tropas xeorxianas retiráronse ás posicións que ocupaban a comezos da semana, antes do inicio do actual conflito militar, malia que desde o Ministerio de Interior anunciaban que volverán ao ataque.
De paso, o goberno de Xeorxia afirma tamén que Rusia despregou na zona até 10 mil soldados máis, denuncia a "catástrofe humanitaria" que en termos de baixas civís causan as tropas rusas e quéixanse dun recente ataque aéreo pero da propia capital xeorxiana, Tiflis. Pola súa banda, o primeiro ministro ruso, Vladimir Putin, acusou a Xeorxia de promover un "xenocidio" en Osetia do Sur e de provocar "aventuras sanguentas" ao tempo que defendeu a operación militar de Rusia.
Por outra parte, a axencia da ONU para os refuxiados, avalía que arredor de 2.500 persoas fuxiron de Osetia do Sur cara a diversas áreas de Xeorxia e entre 4 e 5 mil persoas marcharon dos seus fogares cara a Rusia.
Retirada olímpica
De paso, a delegación de Xeorxia nos Xogos Olímpicos de Beixín, que contaba con 35 atletas, anunciou o abandono do evento deportivo en protesta pola agresión militar de Rusia. O anuncio realizouno o propio presidente xeorxiano.
"Os nosos atletas en Beixín decidiron expresar a súa protesta, malia que, acorde coa norma olímpica, xa que isto está prohibido e implica a descualificación., quixeron de calquera forma protestar e a decisión foi a de abandonar os Xogos", anunciou Saakashvili.