O presidente colombiano critica a filtración onde se proba que mentiu e o exército cavila procesar por "traizón" os militares que lle pasaron o vídeo á prensa.
Despois de que as imaxes difundidas esta semana por unha canle de televisión confirmasen o uso ilegal do seu símbolo, o Comité Internacional da Cruz Vermella comunicou este mércores a súa "gran preocupación" polo que consideran un uso deliberado do logotipo durante a acción coa que o exército de Colombia rescatou quince reféns.
A institución internacional entende que as imaxes confirman que se produciu un uso indebido "intencional" e non accidental, tal e como xustificaba a administración colombiana. O propio presidente de Colombia, Álvaro Uribe, atribuíralle ao nerviosismo do momento a un militar que "temía pola súa vida" o uso non programado dun cacho de tea co símbolo da Cruz Vermella. Porén, as imaxes evidencian que isto non foi así e que mesmo antes da operación, un dos militares xa posaba para a cámara vestindo un peto da organización humanitaria.
Maria dos Anjos Gussing, xefa de operacións do Comité Internacional para a Cruz Vermella para América Latina e o Caribe, declarara hai xa semanas que o abuso do emblema, de confirmarse, é un suceso de especial gravidade. "Pode dar lugar a sospeitas respecto de quen o usa", advertía Gussing, temendo que quedase en cuestión a posición neutral e independente dunha organización clave para a atención humanitaria en todo tipo de conflitos en todo o mundo.
Uribe evita a desculpa e critica a filtración
Malia o documento que proba que o exército de Colombia incumpriu o Dereito Internacional Humanitario, as declaracións públicas de Álvaro Uribe ao respecto están lonxe de ofrecer desculpa polo acontecido. "É grave que integrantes das Forzas Armadas filtren noticias de xeito clandestino e sen coordinación cos seus superiores", apuntou o mandatario colombiano que anteriormente ofrecera unha versión diferente á que indican as imaxes.
O ministro de Defensa, Juan Manuel Santos, foi aínda máis aló e asegurou que os responsábeis da filtración foron localizados e que serán sancionados por, presuntamente, "poñer en perigo a vida do persoal que participou na operación militar". Avanzou ademais que poderían ser xulgados por acto de "deslealdade", posíbel "corrupción" e "traizón á patria" por achegárenlle á prensa o documento.