O Papa Benedicto XVI condeceu a dispensa ao presidente paraguaio, que perde o estado clerical e volve a ser laico.
Nunca se producira na historia da igrexa católica unha situación igual. Fernando Lugo, presidente electo da República de Paraguai o pasado 20 de abril, deixa de ser bispo e pasa á laicidade, o que implica ademais que xa non está obrigado a manter o celibato nin os demais votos relixiosos. A decisión tomouna Benedicto XVI, quen deu así resposta á petición que facía Lugo xa en 2006, cando decidira presentarse a presidente. Bispo emérito de San Pedro, unha das zonas máis pobres de Paraguai, optou pola política e a súa condición de sacerdote impedíalle facelo con todas as consecuencias, segundo as normas da Igrexa Católica.
Caso único
Despois de tentar disuadir a Fernando Lugo para que se presentase como candidato á presidencia da República, o Vaticano suspendérao "a divinis", unha suspensión provisional do exercicio sacerdotal. Agora, con esta decisión, o bispo volve a ser laico de xeito permanente. O novo presidente paraguaio tomará posesión do seu cargo o vindeiro 15 de agosto, polo que se facía urxente unha decisión da santa sede. A medida papal é difinitiva: suspende a Lugo de todas as súas obrigas ministeriais e ademais, de querer voltar ao sacerdocio, precisaría dunha autorización especial do pontífice. Pola súa parte, o presidente paraguaio agradeceu a decisión, que cualificou como moi difícil, e amosouse satisfeito.