Henrik Alexandersson pendurou na rede unha proba de que a FRA estivo a 'picar' liñas telefónicas de cidadáns suecos.
A FRA, axencia de intelixencia sueca centrada nas telecomunicacións, presentou unha denuncia perante o Chanceler de Xustiza (JK) contra un blogueiro por publicar un documento clasificado que proba que a axencia espiou individuos de Suecia até 1996.
O internauta, Henrik Alexandersson, publicou a semana pasada o documento, que amosaba que a FRA estivo a monitorar telecomunicacións por cable de individuos privados, algo que a axencia non estaba autorizada a facer durante os anos 90. No texto descríbense comunicacións entre unha compañía rusa e propietarios de pequenas empresas suecas. Como o documento inclúe varios números de fax rusos, Alexandersson chega á conclusión de que "é razoábel asumir que a FRA recibiu a información monitorando as liñas", algo prohibido pola lexislación.
Segundo informa The Local, o director da FRA, Ingvar Åkesson, nega a acusación. Pola súa banda, Alexandersson non está preocupado pola queixa da axencia, e cre que é un intento de desviar a atención do cuestionábel pasado da FRA, e tampouco pretende retirar o documento do seu blog.