A Tecnópole de Ourense será o centro dun plan do Goberno que contará tamén con terreos en Lugo, Vigo, A Coruña e Santiago.
Tecnópole de San Cibrao
Este luns deuse a coñecer a Rede de Parques Científicos e Tecnolóxicos de Galiza, que estará formada por cinco instalacións: a Tecnópole de Ourense, a Cidade Tecnolóxica de Vigo, o Parque Tecnolóxico de Vigo e mais os parques tecnolóxicos e científicos da Coruña e de Compostela.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana; a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, participaron no acto de presentación dun "modelo económico alternativo, máis sólido e diversificado", que permita crear "emprego de calidade", segundo explicou Quintana.
A rede, integrada no Sistema Galego de Innovación, quérese converter nun "antídoto" contra a crise económica derivada da dependencia do sector inmobiliario e da construción. Os cinco parques aspiran a se converteren nun instrumento de aproveitamento dos recursos do país. A iniciativa enmárcase no Plan Galego de I+D+i e no Programa Galiza Suma da Consellaría de Innovación coa participación de Vivenda e Solo.
O Goberno prevé que a rede se complete en 2012, cun investimento de 435 millóns de euros durante cinco anos, 2 millóns de metros cadrados de solo e coa constitución de 550 empresas con 6.600 empregos directos.
A Tecnópole de San Cibrao das Viñas será a sede da rede, e servirá como modelo para a mesma. Actualmente forman parte do parque industrias de todo tipo, pero principalmente enerxéticas e bioagroalimentarias. A Citexvi de Vigo estará especializada nas telecomunicacións, eficiencia enerxética, automoción e tecnoloxía de materiais.
O Parque Tecnolóxico de Lugo aspira a estar especializado no sector agrogandeiro, mentres que o de Compostela acollerá industrias de biotecnoloxía médica e produción audiovisual. Por último, o parque da Coruña centrarase no desenvolvemento de software e na enxeñaría civil.
Rede de Comercio Rural
A Consellaría de Innovación e Industria tamén anunciou este luns que resolveu as axudas da Rede de Comercio Rural Galego. Serán 17 tendas multiservizo nas que investirá case un millón e medio de euros, e que se sumarán aos catro que xa funcionaban dende hai un ano. O obxectivo é dotar as zonas rurais de maiores e mellores servizos.
Dos novos beneficiarios do programa, oito son mulleres. Os estabelecementos beneficiados atópanse en Santiso, Mesía, Calo-Teo, Artes-Ribeira, Gafoi-Frades, Castañeda-Arzúa, A Picota-Mazaricos, Treos-Vimianzo, Salcedo-Pobra de Brollón, Bretoña e Campo da Rosa-A Pastoriza, Céltigos-Sarria, Doncos-As Nogais, Bora-Vilares-Pontevedra, Covelo-A Cañiza, Barro e A Lagoa-Campo Lameiro. En todos os casos son tendas situadas en núcleos de poboación que non superan os 1.500 habitantes ou en concellos de menos de 5.000.