Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Estratexia da Sociedade da Información

O PEGSI acelera o paso "da sociedade do cemento á do coñecemento"

O vicepresidente da Xunta participou na presentación do informe, onde se destacou a plataforma Vindeira ou o superordenador FinisTerrae.

Redacción - 14:25 07/05/2008
Quintana e Blanco, no acto de presentación

Quintana e Blanco, no acto de presentación

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentaron este mércores o informe de seguimento do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), que analiza a aplicación do plan e a evolución de Galiza no eido das TIC dende a súa posta en marcha, o 30 de marzo de 2007.

Quintana afirmou que o PEGSI é un instrumento para que a economía do coñecemento cobre importancia no país fronte ao anterior modelo económico que dependía excesivamente da construción, asegurando que facía falla "cambiar a economía do cemento pola economía do coñecemento". Tamén valorou positivamente a marcha do plano, do que dixo que invita "ao optimismo", e que mesmo superou o investimento previsto inicialmente no seu primeiro ano de andaina nun 13,7%, até os 156 millóns de euros, o que amosa "que estamos a avanzar no bo camiño".

Algúns dos datos máis positivos que salientou Quintana foron o crecemento do emprego no sector das tecnoloxías da información e da comunicación nun 35% nos últimos dous anos e tamén o incremento dp 27,5% do número de empresas do sector nos últimos tres anos, até as 1.500 compañías. Segundo a información presentada este mércores, os servizos da Sociedade da Información en Galiza xa supoñen o 11,5% do volume de negocios do sector servizos, cunha achega total de máis de 1.500 millóns de euros.

Entre os principais logros citou a posta en marcha do Observatorio Galego da Sociedade da Información, a plataforma tecnolóxica Vindeira ou a instalación do superordenador FinisTerrae no Cesga. O vicepresidente tamén afirmou que a Sociedade da Información en Galiza serve para achegar máis igualdade e máis benestar para a cidadanía.

Pola súa banda, Fernando Blanco repasou actuacións concretas dentro das oito estratexias operativas do PEGSI. Salientou, entre outras, a constitución do Clúster TIC, a dixitalización das historias clínicas do Servizo Galego de Saúde ou o feito de pasar de 10,5 a 7,1 alumnos por ordenador no ensino primario.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: