A xuíza do Mercantil de Pontevedra admitiu a trámite a demanda celeste de se acoller á Lei Concursal.
Noguerol volveu a fichar polo Celta para a vindeira tempada
O Celta entrou, finalmente, en concurso de acredores, antes xusto de chegaren as denuncias por impago, formalizadas polos seus xogadores ante a AEF (Asociación Española de Futbolistas).
A maxistrada do Xulgado do Mercantil Número 1 de Pontevedra admitiu esta segunda feira a trámite a solicitude presentada polos celestes a pasada semana, e ditou o auto no que se declara en concurso á sociedade do RC Celta de Vigo, nomeando tres administradores xudiciais que han xestionar, dende agora, a entidade. Dous deles son o avogado vigués Carlos Pérez-Bouzada e o auditor ourensán Francisco Prado Gayoso. O terceiro será nomeado por Facenda, un dos principais acredores do clube.
A misión dos tres administradores é realizar unha análise do estado da sociedade, un documento imprescindíbel para formalizar o convenio dos acredores, co que a entidade podería saír a flote. Se este convenio non se consegue, pasaríase directamente á liquidación da sociedade, o que significaría a desaparición do Celta.
A cousa aínda se ha estirar até novembro, dado que os administradores teñen tres meses para facer público o seu ditame (dous, máis un de prórroga) e en agosto os xulgados están fechados. Até daquela non se ha saber do futuro da entidade celeste.
A idea do Celta
Mais a sociedade celtista garda unha carta chave na manga: pretenden presentar o convenio cos seus acredores antes de que os administradores emitan o seu ditame. Isto pasa por chegar a un acordo, a marchas forzadas, con Caixanova, o principal acredor do clube, cousa que está sendo máis difícil do que se agardaba. Mais agora pódese pedir axuda aos novos administradores, para que medien entre e entidade bancaria e o Celta.
Pero seguen as fichaxes
Nos últimos días, o Celta ten anunciado varias fichaxes para a vindeira tempada, a última, a do internacional uruguaio , mais aínda pode que cheguen máis, porque os designios do clube seguen nas mans da administración celeste. De feito, a semana pasada o director deportivo do Celta, Ramón Martínez, anunciou que nos próximos días vai haber máis incorporaciós: "Agora mesmo podo dicir que hai outros catro xogadores a piques de asinar, se non é a semana próxima, nos vindeiros dez días".
Isto é debido a que o Celta solicitou a entrada en concurso de xeito voluntario, polo que o consello de administración celeste pode seguir levando a xestión deportiva do clube, mais baixo a supervisión dos administradores. Isto permítelle dar altas e baixas, e desenvolver o seu traballo dun xeito máis ou menos normal.