Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión en Hokkaido

Débil expectativa fronte á xuntanza do G8 en Xapón

A entrada da China e India en futuras xuntanzas é un dos temas na axenda. Mentres, milleiros de persoas participaron xa os últimos días en marchas alterglobalizadoras.

Redacción - 09:00 07/07/2008

"Espérase que desta cimeira saia algo en claro", recoñecía o primeiro ministro xaponés, Yasuo Fukuda, ao tempo que salientaba que a mudanza climática, a crise económica e especialmente a crise alimentaria, han de ser prioridades na reunión desta semana na localidade de Hokkaido dos integrantes do G8, as principais potencias económicas mundiais. De momento, a intención de Xapón de que os temas medioambientais fosen os protagonistas da axenda da xuntanza semella quedar no caixón.

De xeito paralelo ás reunións oficiais do G8 hai encontros sectoriais onde están convidados representantes dos executivos de China, India, Brasil, Australia e de media ducia de países africanos. Un dos principais valedores da ampliación do núcleo deste foro a outros estados parece ser o actual presidente francés, Nicolas Sarkozy, quen afirmou hai poucos días que "non é razoábel que no actual mundo multipolar" queden fora as potencias emerxentes. "Se queremos a paz e o desenvolvemento é necesario que todos sexan convidados", dixo Sarkozy.

Mentres, activistas alterglobalizadores continúan as accións de protesta iniciadas xa hai días con motivo desta xuntanza. Unha das principais reivindicacións é a lembranza aos líderes mundiais da promesa realizada hai tres anos, durante a reunión do G8 en Escocia, onde prometeran o investimento de 32 mil millóns de euros en proxectos de desenvolvemento para África, iniciativa despois incumprida.

Máis información na web oficial do G8 en Hokkaido


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: