Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á porta das vacacións parlamentarias

Socialistas e nacionalistas destacan o "intenso" balance lexislativo, o PP cualifícao de "desolador"

PSdeG e BNG destacan a Lei de Saúde, Lei de Vivenda ou Decreto eólico. O PPdeG critica que lles deixaron un 25% de preguntas sen contestar.

Redacción / EP - 09:00 30/06/2008

O período lexislativo remata este verán con balance de sete leis aprobadas e con socialistas e nacionalistas salientando o que consideran que foi un treito de traballo "intenso. Un balance que desde o PPdeG definen como desolador, acusando os seus rivais de "só querer engordar estatísticas".

O voceiro do grupo socialista, Ismael Rego, afirmou que este ciclo foi "un dos máis intensos da historia da autonomía", e dixo que acabará con dez textos, á falta da celebración dun pleno extraordinario no mes de xullo, no que previsiblemente se aprobará a reforma do imposto de sucesións, a reforma de lei electoral, e proposición de lei para que Madrid reforme a Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral. Rego destaca por exemplo que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, contestou o triplo de preguntas en 3 anos que Fraga en 16. Ademais, dos sete textos lexislativos aprobados xa no sétimo período de sesións, tres aprobáronse por unanimidade. Pola súa banda, en tres anos, as leis aprobadas alcanzaron as 45, das que 21 tiveron o apoio dos tres grupos parlamentarios, destacou o voceiro do grupo socialista.

Ao fío, o voceiro do PP, Manuel Ruiz Rivas, considera que estes datos son o resultado da busca de "engrosar unha estatística" ao tempo que acusa os grupos que sustentan o bipartito de "dificultar" o labor da oposición. Sobre isto, criticou que "o 25% das preguntas están sen contestar" e "o 33% das solicitudes de documentación" non foron entregados. Ruíz Rivas subliñou o apoio do PP mostrado ás normas impulsadas por socialistas e nacionalistas e pediu "ese mesmo trato" para as iniciativas que impulsan os populares.

Pola súa banda, o voceiro do grupo nacionalista, Carlos Aymerich, cualifica o treito de "positivo". Aymerich sinalou que quedan importantes materias no caixón para o próximo período de sesións, como é o caso da reforma da Compañía de Radiotelevisión de Galicia e a regulación da publicidade institucional. Dúas cuestións sobre as que o voceiro do PP tamén admite que son "fundamentais para a calidade democrática". Con todo, o portavoz do Bloque lembrou que se trata de proxectos que deben ser impulsados directamente pola área de Presidencia da Xunta. "Non quero facer comparacións", recalcou Aymerich, quen erixiu ao Bloque como "o mellor sustento do Goberno, que nunca fallou nin faltou a unha votación".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: