"Tal e como están as cousas seguimos no parámetro que ten a ministra de Fomento, o bienio 2018-2020", agoirou o líder do PPdeG sobre a chegada do TAV.
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, esixiulle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que "non marche de vacacións sen presentar un paquete de medidas para afrontar a crise económica".En declaracións á Cadena SER, Feijoo criticou que "ninguén sabe que medidas se están a tomar", polo que demandou "un paquete económico real de forma inmediata para empezar o outono con polo menos algún deber feito por parte da Xunta".
Por outro lado, Feijoo afirmou que "xa ninguén cre a Touriño cando fala de datas" para a chegada da alta velocidade a Galiza. Na opinión de Feijoo, o TAV non estará "nin en 2012, nin en 2013, nin en 2014". "Tal e como están as cousas seguimos no parámetro que ten a ministra de Fomento, o bienio 2018-2020", lamentou.
Sobre un posible pacto co Bloque, Feijoo asegurou que "o BNG está máis lonxe do PSOE e o PP mantense onde estaba", pois, na súa opinión aos nacionalistas "interésanlle menos as fotos con Zapatero e empezan a notar esa lousa pesada de ser un complemento do PSOE".