O golpe de Estado fascista do 11 de setembro de 1973 levou por diante o goberno democrático e a vida de moitas persoas comprometidas coa 'vía chilena ao socialismo'. Falamos cunha das súas vítimas, cen anos despois do natalicio de Salvador Allende.
Ben sexa tiroteado polas tropas fascistas do xeneral Augusto Pinochet, ben sexa nun último acto de dignidade pola vía do suicidio, o certo é que Salvador Allende Gossens morreu o 11 de setembro de 1973 combatendo en defensa do seu pobo e do socialismo. Mais non foi o único.
Esta quinta feira, 26 de xuño, cúmprense cen anos do nacemento do que foi presidente de Chile durante algo máis de mil días, dende que foi elixido o 3 de novembro de 1970 para levar a cabo o seu proxecto, a vía chilena ao socialismo. E o 11 de setembro, faranse 35 anos do seu pasamento.
Con motivo desta efeméride falamos con Omar Contreras Flores, activo dirixente universitario e sindical e membro de Izquierda Cristiana de Chile nos anos setenta; actualmente, presidente na Coruña e fundador en 1978 dos Comités de Solidariedade de América Latina (Cosal) en Galiza, exiliado -logo de pasar polo cárcere- da ditadura de Pinochet na nosa terra e irmán de Iván, un dos moitos homes e mulleres que foron asasinados aquel fatídico 11-S.
Vieiros: Que é o que fai de Salvador Allende unha icona para esquerda mundial?
Omar Contreras: Principalmente o seu labor e a súa actitude. Era un líder honesto e carismático, tenaz e perseverante. Traballou sempre por unir e non desunir ás forzas da esquerda fronte á oligarquía e ao Imperialismo. Comunistas, socialistas, socialdemócratas, forzas populares, sindicatos... O pobo estaba con el.
No entanto custoulle chegar á Presidencia de Chile (presentouse en catro ocasións: 1952, 1958, 1964 e 1970)?
Era un animal político. Comezou moi novo, cando estaba na universidade. Foi secretario de Valparaíso, ministro, secretario xeral do PC, catro veces senador, presidente do Senado, ... Era marxista-leninista e como tal apoiou todos os cambios que se produciron no seu tempo. Estivo en Cuba e coñeceu ao Che, que lle dixo "Eu a ti coñézote; ti queres facer o mesmo ca nós mais por outra vía".
Precisamente, neste senso, Fidel Castro advertiulle a Allende nalgunha ocasión da imposibilidade de estabelecer o socialismo renunciando á violencia...
Ese é un asunto moi controvertido. Cómpre ter en conta que o sistema democrático chileno vén de vello, de 1810. Hai unha tradición democrática; o PC chileno é un dos máis antigos do mundo. En 1925 xa había unha constitución e mesmo todos os traballadores participaban nunha única central sindical, a CUT.
Cando Allende chega ao poder, unha das súas primeiras medidas é nacionalizar o cobre, que até daquelas explotaban importantes empresas dos EUA. Comeza aí conflito de intereses entre ambos os dous países?
Até o 58 e o 64 en Chile gobernou a dereita dereita. Neste ano comeza unha etapa da democracia-cristiá, con Eduardo Frei Montalbo, Frei pai, para entendérmonos. Frei fai o que chamamos a chilenización do cobre, é dicir, o Estado é propietario do 51%. Allende acaba por nacionalizalo e afirma que "pagaremos as explotacións segundo as marxes internacionais". Chile non paga ningunha indemnización porque Allende considera que esta xa está compensada coas ganancias millonarias que fixeron en anos anteriores. Logo fai a reforma agraria -que Frei xa realizara parcialmente- e acaba cos latifundios. Nacionaliza a banca, e fai un labor importantísimo en materia educativa, sanitaria, constrúe estradas, na substitución de importacións...
Mais o país caeu nunha crise importante, unha das razóns que os golpistas dan para xustificar o alzamento militar: desabastecemento, taxas elevadas de inflación, ...
Soben os salarios dos traballadores, os salarios base, as pensións, ... O pobo ten máis poder adquisitivo e accede a recursos aos que antes non podía. Por exemplo, merca papel de baño, que antes non usaba e hai escaseza. Namentres a oposición aproveitaba o mercado negro para vender deterxente, café, ... acaparaba todos os produtos. Como é posíbel que un día despois do golpe as tendas estivesen repletas? Houbo un bloqueo interno, mais tamén externo: o Banco Mundial, o FMI, etc., non lle concedían créditos ao goberno de Allende e ao de Frei, si. O cobre embargábase. En outubro de 1972 os propietarios dos camións van a folga; non había pezas de recambio. Mais o caso é que nin a Ford, nin General Motors vendían material a Chile. Ademais, a CIA pagaba un soldo diario aos camioneiros, máis rendíbel que o que podía ganar traballando.
Recentemente, un libro que tivo bastante difusión, Salvador Allende. Antisemitismo y Eutanasia, do chileno Victor Farias, describía a un Allende próximo ás ideas do nazismo...
Iso non ten sentido ningún. Baséase na tese de doutoramento de Allende dos anos trinta, unha época onde as ideas sobre determinismo biolóxico e raza eran recoñecidas por toda a comunidade científica.
Que papel xogou o goberno estadounidense de Richard Nixon na caída do goberno da Unidade Popular de Allende?
Comezou dende o principio. Financia a campaña da dereita, mais Allende gaña as eleccións. Unha vez elixido -en Chile non hai segunda volta, respéctase a maioría relativa- EUA pon en marcha dúas estratexias: primeiro, intenta un golpe militar, mais dáse de conta de que esta posibilidade aínda está moi verde; e segundo, contacta coa democracia-cristiá para que voten á dereita a cambio de que Alessandri (o candidato desta, Jorge Alessandri Rodríguez) renunciase en favor de Frei. Porén, as bases da democracia-cristiá rexeitárono.
Ademais, entre o 4 de setembro e o 3 de novembro (o 22 de outubro, exactamente) por parte da extrema dereita houbo un intento de secuestro do comandante en xefe do Exército, René Schneider, co fin de culpar a esquerda e provocar unha intervención militar. Mais saíulles mal e resultou asasinado. Xunto a todo isto están os ataques de EUA á economía. Xa o dixo Kissinger (Henry, asesor de Nixon en Asuntos Exteriores): "Hai que facer que a economía chilena berre".
Dende a esquerda, os críticos co goberno de Michelle Bachelet afirman que, entre outras cousas, está a privatizar todo aquilo que estatalizou o goberno de Unidade Popular. Que queda de Salvador Alende no Chile de hoxe?
Desgraciadamente, perdeuse todo. A dignidade, os principios de Allende, ... E entre os culpábeis están a propia xente do PS, os reconvertidos como eu lles chamo. Acomodáronse nunha constitución, do ano 80, aprobada por Pinochet, e marxinan un sector da poboación da vida política que segue a loitar.
Curiosamente, só 12 días despois do golpe militar, finaba Pablo Neruda. As derradeiras páxinas da súa autobiografía, Confieso que he vivido, falan deses duros momentos. Cal era a relación do escritor con Allende?
Eran moi amigos. Como dicía a súa muller Neruda, no último momento, morreu de tristura.
O Comité de Solidariedade con América Latina (Cosal) e mais a Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña organizan esta quinta feira un acto de homenaxe a Salvador Allende, con motivo do centenario do seu nacemento. Ás 20.30 horas, na Aula de Caixa Galicia (Ronda de Nelle, 31), proxectarase o documental 'El último Combate de Salvador Allende' e o escritor chileno Luis Sepúlveda ofrece unha conferencia que leva por título 'Allende Vive'.