A lei recibiu o apoio de 369 europarlamentarios. Un total de 197 votaron en contra e 106 abstivéronse.
O pleno do Parlamento Europeo aprobou esta cuarta feira, por 369 votos a favos, 197 en contra e 106 abstencións, a polémica norma que simplifica os procedementos de repatriacións dos inmigrantes.
A directiva (que recolle, entre outras cousas, un apartado no que se especifica que os inmigrantes poden ficar un máximo de ano e medio recluídos nun centro de internamento, mentres agardan pola súa expulsión do país) recibiu o apoio maioritario do grupo popular europeo, incluída a delegación española, e dos liberais.
Os socialistas dividíronse, aínda que a delegación española tiña previsto votar a favor, a pesar do rexeite das súas emendas. O grupo dos verdes e de Esquerda Unitaria, como se prevía, votaron en contra do texto.
Dous anos para aplicala
O visto e prace da Eurocámara supón o punto e final da tramitación da directiva. Unha vez publicada no Boletín Oficial da UE, os estados membros teñen o prazo de dous anos para introducila nas súas respectivas lexislacións nacionais. Ademais, han ter un ano a maiores para prestar a súa asistencia xurídica e de balde aos inmigrantes inmersos nun proceso de expulsión.
Con esta aprobación volveu saltar a alarma no seo de varios movementos sociais e ONG, entre elas Amnistía Internacional, que xa denuncio en reiteradas ocasións que esta norma vulnera os Dereitos Humanos. Para a responsábel da Comisión Nacional de Emigración do BNG, Ana Miranda, esta cuarta foi "un día triste para a Unión Europea, pois a aprobación da proposta de directiva de retorno, a chamada directiva da vergoña, fai primar os valores da seguranza polos da liberdade, e non ten en conta a denuncia unánime de oposición de numerosos colectivos da sociedade civil europea nin as denuncias realizadas dende estados latinoamericanos como Bolivia e Ecuador e varias organizacións cívicas africanas e sudamericanas. Esta proposta restritiva de dereitos supón un acto de renuncia do Parlamento Europeo aos propios valores que sempre defendeu, sen ir ao fondo das causas da inmigración ilegal".