'Populares' e liberais están a favor, os socialistas queren volver emendala e os verdes opóñense.
O Parlamento Europeo vota esta cuarta feira en Estrasburgo a normativa para regular a repatriación dos inmigrantes indocumentados, e cada grupo ten a súa posición, ben distinta das outras. Populares e liberais apóianse; os socialistas aínda non se posicionaron ben de todo, pero pretenden introducir "melloras"; e os verdes (o Partido Verde Europeo e Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica) están en contra, e manteñen a súa idea de retirar a nova directiva.
A normativa estabelece que, nalgúns casos, os inmigrantes irregulares poden pasar 18 meses nun centro de internamentos antes de ser expulsados, e non poden volver a Europa até que pasen 5 anos.
As posicións dos grupos: a conservadora
O Partido Popular e os Liberais (primeira e terceira forza no Parlamento), co apoio da Comisión Europea e a presidencia eslovena, din que a norma é un adianto, porque dá garantías aos inmigrantes dos estados membros das que non gozaban até o de agora, e non obriga a aplicala nos estados que, como o español, xa teñen as súas propias propostas legais, "máis adiantadas".
Eslovenia, polo seu lado, argumenta que se a Eurocámara rexeita a nova norma ou introduce emendas, a tramitación hase alongar tres anos ou máis, e non se vai poder mellorar a situación dos inmigrantes irregulares; por outro lado, se se aproba, será un chanzo máis subido cara unha política de inmigración común, cousa que é obxectivo de todos os europeístas.
Tamén está a opinión da Comisión. O seu vicepresidente Jacques Barrot dixo que a normativa está baseada nas disposicións da Convención Europea dos Dereitos Humanos, que obriga a protexer os dereitos dos nenos e contribúe a reforzar a seguridade xurídica dos inmigrantes irregulares.
Os grupos de esquerdas piden a retirada da norma
Pola contra, os grupos de esquerdas e os verdes alegan que a normativa non respecta os dereitos dos inmigrantes e consagra a idea dunha "Europa fortaleza", onde non é doado entrar. As críticas deste grupo van dirixidas, sobre todo, á parte da norma na que se di que os inmigrantes poden pasar até ano e medio internado, e ao feito de que estes procedementos e os de expulsión se poidan aplicar tamén a menores.
E os socialistas, dubidan
O grupo socialista, a segunda forza parlamentaria, aínda non amosou unha posición clara. Os eurodeputados socialistas españois e alemáns están dispostos a votar favorablemente o novo texto, mentres que os franceses e italianos están en contra.
En declaracións á prensa, o eurodeputado italiano Claudio Fava dixo esta terza feira que na segunda morreron afogados no Mediterráneo uns 150 inmigrantes que viñan cara Italia e que, segundo a nova normativa, os superviventes terían que pasar 18 meses internados: "estamos a piques de estabelecer un principio xurídico devastados, que dá a posibilidade de privar de liberdade a un individuo durante ano e medio por simples razóns administrativas, sen ter sido culpado de nada", dixo Fava na sesión de debate.