Na gala de galardoados pola Radio Galega destacaron as mencións especiais a Gómez Noya, Estefanía Hernández, os veteranos do Dépor e o Club de Vólei de Vigo.
Os xornalistas deportivos da Radio Galega entregaron, un ano máis, os galardóns Galicia en Goles aos deportistas galegos máis destacados, nunha gala celebrada esta quinta feira, á tardiña, en Compostela.
Presentado o acto estaba o xornalista Terio Carrera, mais tamén se contou coa presenza da conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, do alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, do director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, e o director da Radio Galega, Virxilio Costas, ademais de coñecidos deportistas e convidados.
Os premiados
Pablo Álvarez, do Liceo, foi premiado como mellor xogador do hockey; o mesmo galardón, mais no futsal, levou Toni Lodeiro (porteiro do Azkar Lugo); para Vladimir Bozic (Teucro) foi o de balonmán; para Brad Olesson, do club Rosalía, o de baloncesto.
Outros premiados foron Manuel Vidal Araújo, como mellor árbitro de 3ª; José Manuel Acevedo (CD Lalín) como mellor adestrador de 3ª; Ángel Cuéllar (Narón Balompé) como máximo goleador de 3ª; e Rubén Pardo (Narón Balompé) como mellor xogador da categoría.
Os galardoanos do fútbol
Noutras categorías foron distinguidos: Goran Maric (RC Celta de Vigo) como máximo goleador de 2ª B; Alex Bergantiños (Deportivo B), mellor xogador de 2ª B; Jesús Perera (RC Celta), Mellor xogador dos equipos galegos na 2ª; Coloccini foi premiado por ser o xogador máis regular do Deportivo, e Diego López (porteiro do Villarreal), como mellor xogador galego na 1ª División.
As mencións especiais
Na gala destacaron, sobre todo, as mencións especiais, que este ano foron para Estefanía Hernández, campioa de Europa de Taekwondo; David García, ciclista do Karpin Galicia; o Club Voleibol de Vigo, polo ascenso á división de honra; para o Deportivo Asociación de Veteranos, polo seu duplo triunfo no torneo de Fútbol Indoor; e a Xabier Gómez Noya, campión do mundo de triatlón.
O once galego da historia
O momento máis agardado da gala foi cando se desvelou o premio ao Once Galego da historia deportiva, que concederon os oíntes da Radio Galega aos once mellores futbolistas do país de todos os tempos.
Os galegos puxeron a Miguel Anxo na portería; a Míchel Salgado, Reija, Quique Costas e Manolo Jiménez de defensas; a Fernández Amado, Martín Esperanza e Fran como centrocampistas, e a Luís Suárez, Amancio e Marcelino como dianteiros.