Os tres grupos parlamentarios coinciden en que o sector afronta moitos máis desafíos que os derivados dos combustíbeis, pero diverxen sobre o xeito de enfrontalos.
"Vostedes foron os que deixaron o sector estrangulado e cando tiveron responsabilidades de goberno non fixeron nada", retrucoulle Xosé Manuel Lage, voceiro de Pesca do grupo parlamentario do PSdeG, á intervención previa do portavoz do PP. Lage asegurou que entre os problemas que sofre agora o sector pesqueiro están determinados padecementos que veñen da "inacción" do PP durante a súa etapa de goberno.
Na opinión de Lage Tuñas, as propostas do PP van no sentido da "cultura da subvención permanente". Fronte a iso o deputado socialista defendeu a necesidade de impulsar iniciativas que garantan a longo prazo a "viabilidade" e "rendabilidade" do sector pesqueiro en Galiza. Nese sentido, insistiu en que os socialistas apoian a estratexia da consellaría de Pesca, e salientou proxectos como os relacionados coa innovación tecnolóxica, fomentando o aforro enerxético a través do cambio de motores a custe cero.
O voceiro socialista tamén se referiu ás garantías sobre o prezo en orixe e destacou a negociación para o uso inmediato do fondo europeo de pesca para a resolución da crise. Por outro lado, Lage subliñou que unha das tarefas prioritarias debera ser a mellor das condicións laborais dos traballadores e laiouse dos milleiros de traballadores do sector que non poden acollerse a un convenio colectivo.
O BNG defende a necesidade de maior protagonismo para Galiza na negociación
Na súa intervención, o voceiro de Pesca do grupo parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, lamentou que os "principais centros de decisión e responsabilidade" no que lle afecta ao sector pesqueiro estean na Unión Europea e no goberno español. "Os resortes políticos de Galiza son poucos e escasos", criticou, recordando as limitacións que implica que o Goberno só poida estabelecer medidas "indirectas" fronte a este escenario.
Lobeira tamén chamou a tomar conta de que alén da suba dos prezos do gasóleo "seguirían existindo graves problemas para o sector" fundamentalmente no eido da comercialización. Por este motivo, o deputado do Bloque destacou a necesidade de que se esixa a identificación da orixe galega dos produtos, para que os consumidores poidan distinguilos no mercado e decidir en consecuencia, e recordou que no seu momento "o PP impediu esa posibilidade".
Por outra parte, Lobeira amosouse contrario á proposta de redución de flota que o PP insinuou na súa iniciativa parlamentar. "Galiza xa perdeu máis flota ca ninguén na UE", advertiu, criticando que esa precisamente fora a principal argumentación estes días do eurocomisario de pesca, Joe Borg, quen expresou que o recorte da flota é o principal xeito para afrontar a actual crise. O representante do BNG insistiu en que a UE usa "argumentacións que non son certas".
O PP considera que "non hai vontade política" para axudarlle ao sector
"A supervivencia do sector está en perigo", afirmou Xosé Manuel Balseiro, voceiro parlamentario do PPdeG, durante a súa intervención este mércores no Parlamento. Balseiro sinalou que o problema fundamental do sector é o incremento do prezo do gasóleo "nun 325% en cinco anos". O deputado do PP dixo que a Xunta mantense "paralizada" e pediu un plan de "medidas urxentes que garantan a viabilidade do sector".
Ao fío, o PP achegou un conxunto de propostas, entre elas a introdución de medidas extraordinarias de carácter laboral que permitan reducir os custes de Seguridade Social. Tamén solicitaron que se "mellore e intensifique" o control das importacións ilegais así como as normas sanitarias para os produtos que veñen de fóra e pediron a exoneración de tarifas portuarias por un período mínimo de seis meses.
Por outra banda, o pleno comezara cun cruce de intervencións entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, quen mudara o guión inicial interpelando o presidente sobre o conflito pesqueiro e solicitándolle que abrise unha mesa de negociación esta mesma semana cos representantes do sector.