Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carga policial e un detido

Armadores e mariñeiros levan a protesta á porta do Parlamento

Alén da concentración diante da Cámara, un grupo de armadores tamén cortou a circulación na estrada Tui-Valença.

Redacción - 11:30 11/06/2008

A mobilización do sector pesqueiro chegou na mañá deste mércores á Cámara, onde os armadores trataron de impedirlle o paso aos deputados que asisten ao pleno. Máis dun cento de mariñeiros e armadores bloquearon o tráfico no contorno da rúa do Hórreo, a pé da sede do Parlamento, e trataron de impedir o inicio do pleno deste mércores. Posteriormente, e logo da chegada de máis efectivos policiais e o intento de envorcar un dos vehículos por parte dos manifestantes, produciuse unha carga policial que deixou algún ferido leve. Tamén foi detido un armador no interior da Cámara.

En declaracións aos medios, falaron da necesidade de "concienciar" os cidadáns do problema do sector pesqueiro froito do encarecemento do combustíbel. "Non existe unha mesa onde poidamos xuntarnos e traballar", queixáronse, insistindo en que alén do fuel hai outros problemas e que o peixe non se está pagando ao prezo xusto e rexeitando que pretendan "subvencións permanentemente". O control das importacións de peixe e a fixación de prezos para o produto que permitan a viabilidade do sector extractivo son algunhas das propostas sobre as que urxen resposta.

Despois de comezar o pleno do Parlamento, os manifestantes continuaron na rúa, con cartaces, asubíos e berros. Ao tempo, do sur do país chega o aviso do corte da ponte internacional sobre o Miño na vía Tui-Valença, onde un grupo de armadores bloqueou a circulación. Posteriormente guindaron neumáticos sobre a estrada e puxéronlles lume. A acción causou grandes retencións de vehículos no lugar, xa que os mércores hai feira en Valença, aumentando a circulación na zona.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: