Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois da última votación

Obama consegue a maioría que o converte no aspirante do Partido Demócrata

Hillary Clinton non confirma a renuncia pero suxire que podería ser vicepresidenta para facilitar a unión do partido despois das belixerantes primarias.

Redacción - 09:00 04/06/2008

"Esta noite chegamos á fin dunha travesía histórica e ao comezo doutra", afirmou Barack Obama na súa intervención desta terza feira despois de coñecer que a súa vitoria nas primarias de Montana e South Dakota lle facilitaban superar a cifra de 2.118 delegados, o mínimo necesario para converterse no aspirante do Partido Demócrata ás próximas eleccións presidenciais dos Estados Unidos.

Obama tamén aproveitou para felicitar a súa rival nesta pelexa, a senadora Hillary Clinton, asegurando que "fixo historia nesta campaña, non só porque é unha muller e conseguiu o que ningunha outra lograra, senón porque é unha líder que inspira a millóns de estadounidenses".

De xeito paralelo, Clinton non confirmou que deixa a loita antes da convención demócrata, tal e como especularan algúns medios de comunicación durante todo o día, pero das súas palabras entendeuse que daba por feita a nominación de Obama. Ademais, despois de avanzar que non tomaría unha decisión esa noite, convidou os seus simpatizantes a faceren suxestións a través da súa páxina web. Ao fío, insinuou que podería ser candidata a vicepresidenta nunha candidatura conxunta con Obama se aquel llo solicita directamente.

Máis en The New York Times e CNN.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: