A pasada fin de semana a selección galega trouxo para a casa o Campionato Estatal de Probas Combinadas. Tamén tivo éxito Lolo Penas na Golden League de Berlín.
Galiza gañou, a pasada fin de semana e por segunda vez consecutiva, o Campionato Estatal de Probas Combinadas, desenvolvido en Cartaxena (Murcia). Segundo contan dende a Federación Galega de Atletismo, "a xesta fraguouse xusto ao final, na proba dos 1.500 metros", o que din "demostra a gran entrega dos atletas galegos".
A título individual, destaca a marca de David Gómez, que venceu con claridade, superando os 7.300 puntos.
As condición atmosféricas, abondo adversas, non deixaron facer grandes rexistros, mais tamén destacaron as actuacións de Javier Rosales (que foi oitavo) e Manuel Martínez (que foi 13º).
Lolo Penas en Berlín
O atleta galego Lolo Penas correu, o pasado domingo, na Golden League en Berlín, facendo un rexistro de 13.49.90, sendo o primeiro e único atleta europeo en terminar a proba.
Non lle queda nada a Penas para tentar facer a marca mínima para acudir este verán aos Xogos Olímpicos. De feito, a cidade da Coruña xa lle ten organizado o Soño Olímpico, que se ha desenvolver o vindeiro 2 de xullo.