Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ENCONTRO NA QUINTANA

Adega promoverá a enerxía solar cun acto ao ar libre

As actividades, destinadas principalmente á rapazada, enmárcanse nos actos da Semana Galega do Medio Ambiente.

Redacción - 18:45 28/05/2008

Adega reivindicará o uso da enerxía solar nun acto divulgativo que se desenvolverá o 3 de xuño en Compostela. O vogal de Educación Ambiental da asociación, Ramsés Pérez, e a educadora ambiental María Xosé Castro presentaron este mércores o I Encontro Solar, que terá como escenario a praza da Quintana.

O acto, primeiro da súa clase que ten lugar no país, contará con demostracións ao ar libre, como cociñas e fornos solares, tecnoloxía doméstica fotovoltaica e rutas polas rúas da zona vella de Compostela. As actividades desenvolveranse entre as dez da mañá e a sete da tarde e terán como principais destinatarios os máis novos.

Ao seu remate, prevese unha conferencia sobre a enerxía solar no país na Galería Sargadelos, coa participación do director xeral de Inega, Xoán Xosé Álvarez Carril, a concelleira de Medio Ambiente de Santiago, Elvira Cinefuegos, e representantes do Parlamento, Alvarella e Adega.

No acto de presentación, no Club Internacional de Prensa, Ramsés Pérez explicou que o sol é a "fonte de vida", mentres que María Xosé Castro advertiu de que en Galiza a enerxía solar úsase "menos" do que potencialmente se podería.

A xornada, que se podería adiar até o 10 de xuño no caso de que chova, está vencellada ao proxecto Fogares Verdes e forma parte dos actos da Semana Galega do Medio Ambiente, que conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente, o 5 de xuño, e o dos Océanos, o día 8.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: