Xoán Xosé Rocha denuncia que o Parque Eólico de Ordes "choca frontalmente" co Plan de Eficiencia e Aforro Enerxético do seu concello, e aproveita para criticar tamén o desenvolvemento do Plan Eólico de Galiza.
Xoán Xosé Rocha, alcalde de Abegondo
O alcalde de Abegondo, Xoán Xosé Rocha, denunciou este martes que o Parque Eólico de Ordes, que se estende polos municipios de Ordes e Mesía (Ordes) e Abegondo e Carral (A Coruña), en fase de tramitación e de competencia estatal, "choca frontalmente" co Plan de Eficiencia e Aforro Enerxético do municipio coruñés e "hipoteca" o seu desenvolvemento. De xeito específico, o goberno local de Abegondo considera que o proxecto eólico veciño complica o despregamento do Plan Eólico Solar Estratéxico do Concello de Abegondo.
Rocha envioulle un escrito a Francisco Barroso Palomino, director da Área de Industria e Enerxía dependente do goberno español, onde lle expón as súas queixas respecto do Parque Eólico de Ordes, así como tamén respecto do Plan Eólico de Galiza -competencia da Xunta-, xa que se están a desenvolver "de costas ao Concello de Abegondo".
Segundo Rocha, do partido dos independentes de Abegondo, este prexuízo prodúcese porque a instalación eólica proxectada ocupa a zona máis alta do termo municipal e a súa área de expansión.
Ademais, salienta que non recibiu a documentación técnica correspondente a instalación, e que "as publicacións realizadas confunden sistematicamente as coordenadas da poligonal da área de investigación coas coordenadas do parque".