Documentación oficial á que tivo acceso un xornal madrileño proba que a muller non viaxou para coidar da súa irmá.
Segundo publica este martes o diario madrileño El País, María Isabel Blanco Rodríguez, a suposta axente electoral que viaxou á Arxentina pagada pola Xunta para facer campaña polo PSdeG -tal e como denunciou a implicada a través do PPdeG-, non se desprazou para coidar da súa irmá enferma, María do Carme.
Esta foi a explicación dada pola Secretaría Xeral de Emigración, dependente da Presidencia, e polos socialistas para xustificar que a viaxe fose financiada con cargos públicos, dentro do convenio que a Xunta ten sinado coa compañía aérea Iberia.
Cando a deputada socialista Marisol Soneira comezou a tramitar os billetes, xa sabían que María do Carme Blanco Rodríguez ía estar en Galiza durante boa parte da estancia de María Isabel en Arxentina. Esta asegura que viaxou a Bos Aires para pedir o voto ao candidato socialista en Muxía, Félix Porto.