Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

Os líderes políticos seguen sacando billete para a emigración: Feijoo volve a Arxentina

Malia quitárenlle importancia ao voto exterior, e renunciaren a curto prazo ás reformas solicitadas, socialistas e populares seguen multiplicando esforzos na captación de apoios na emigración. Os nacionalistas cualifican o que está acontecendo de "escándalo indecente".

Redacción / Europa Press - 09:00 15/02/2008

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, emprende este venres a súa terceira viaxe a Latinoamérica desde que comezou este 2008. Núñez Feijoo visitará Arxentina e Uruguai para manter varios encontros con emigrantes galegos e cos representantes do PP nestes países.

Na procura de apoios para a saca electoral popular, Núñez Feijóo estará primeiro en Bos Aires, onde visitará a sede do PP e manterá un encontro con emigrantes no Centro Lalín. Tamén na cidade arxentina de Mar de Prata, onde viaxará o próximo sábado, o líder da oposición en Galiza reunirase con emigrantes do país. De feito, estará presente no acto de aniversario do Centro Galego de Mar de Prata.

A última visita de Feijoo a Latinoamérica antes das próximas eleccións xerais rematará en Montevideo, onde o próximo domingo se reunirá tamén con membros do PP nese país e con emigrantes galegos residentes na capital uruguaia. O líder dos populares galegos xa viaxou a Salvador de Baía (Brasil) a mediados do mes de xaneiro e a principios do mes de febreiro visitou Venezuela e México.

"Escándalo indecente"
O coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, criticou este venres o que cualificou de "escándalo indecente" que, ao seu xuízo, están a protagonizar socialistas e populares, "ao rivalizar en utilizar o voto da emigración como mercadoría electoral".

Con todo, Jorquera reprochoulle ao PPdeG a súa "hipocrisía" ao denunciar "o que practicou en innumerábeis ocasións", en alusión ao suposto uso de fondos públicos por parte do PSdeG para sufragar a viaxe a Arxentina dunha axente electoral durante a campaña electoral das municipais. Neste senso, esixiu a ambos os dous que "deixen de utilizar os emigrantes para obter réditos electorais".

"Uns e outros están a dar un espectáculo bochornoso e están a faltarlle ao respecto á sociedade galega", afirmou, tras o que lles recriminou que "carezan dalgunha proposta construtiva para mellorar as condicións de vida dos residentes ausentes". De feito, interpretou que a situación dos emigrantes "non lles interesa o máis mínimo" e que "só lles interesa manipular o seu voto".

Jorquera aproveitou para invitar a ambas as dúas formacións a que se sumen á proposta do Bloque de reformar a lei electoral nos primeiros seis meses da próxima lexislatura. Nesta liña, defendeu que os residentes ausentes "poidan exercer os seus dereitos libre e limpamente, sen que ninguén os poida utilizar como carnaza electoral".


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: